sábado, 30 de abril de 2011

OLLO AO PIOLLO

Este é un aviso. Dende o cole estamos a rematar o Proxecto de bilioteca escolar para o curso que ven. Será aprobado polo Consello Escolar próximamente, esperemos!!
Estará a vosa disposición para que opinedes sobre as actividades que pensamos poñer en práctica para o ano. Calqueira aportación ou mellora será ben recibida. Pola mesma, calquer idea que teñades sobre a biblio podédes decila sen problema.
Un saúdo e a ler!!!!!

JAILSON LEVA A MOCHILA VIAXEIRA PARA CASA

Seguimos coa actividade da mochila viaxeira. Esta semana tócalle a Jailson. Un dos nosos "maiores" máis queridos. Tamén o chamamos con moito agarimo: maxijunior ou chenchon. Esperemos que aproveite ben esta oportunidade de ler moito e ben como xa fan moitos dos rapaces e rapazas de cinco e seis anos. Ánimo!!!!!!!!!!!!!!

martes, 26 de abril de 2011

O MUNDO CHÁMASE CARBALLO

Navegando por Internet como holandeses errantes no mar da rede, descubrimos este fermoso poema de Darío Xohán Cabana outro dos grandes poetas chairegos. Un poema que lle vai que nin pintado á nosa pequena arboriña.


Podía ser
abedueira, chopo,
capudre, castiñeiro,
sobreira, virgondoiro,
teixo sombrío ou freixo de tríplice raíz.
Pero non,
o mundo chámase carballo
desde que o mundo é mundo.
Deitouse o avó
dos avós dos avós
á sombra do carballo,
e adormeceu e o soño

naceulle dunha landra
coma cerebro, fixo
dúas follas minúsculas
e unha raíz que axiña
se dividiu buscando
sales, metais, materias
orgánicas escuras,
colleu pulo, estrincouse
sobre a terra, tirou
da seiva cara arriba,
xermou en tres, en catro, en cinco gallas,
abriuse lento coma un mundo,
formou roda, os paxaros
aniñaron nas fronzas
e o peto carpinteiro
carpentaba buratos.

MES INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

De primeiras pensamos en adicarlle unha xornada, o proprio día, ao libro infantil, mais ante a multitude de familias que quixeron estar connosco tivemos que amplialo a todo o mes. Hoxe acompañounos a nai de Adrián.
Dende o blogue da Biblioteca agradecemoslles a tódalas familias a súa colaboración.

sábado, 23 de abril de 2011

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

San Xurxo, a flor e o libro, o falecemento de Shakespeare e Cervantes, o nacemento de Nabokov... todo isto ten ou tivo lugar nesta data para a que ademais do VideoLibro de Cunqueiro elaboramos este logo.


CENTENARIO CUNQUEIRO

Nun día tan especial como é o "Día Internacional do Libro", publicamos o noso primeiro VideoLibro. Dentro do proxecto que traballamos neste segundo trimestre ao redor dos "Castelos" e por mor do Centenario do escritor galego Álvaro Cunqueiro, utilizamos aqueles poemas de Cunqueiro que tiñan unha crar influencia da lírica medieval galega para facer este "Videolibro". 

miércoles, 20 de abril de 2011

SOPRA NESTE FURADIÑO...

Kalandraka e OQO son so a punta do iceberg de tódalas editorais galegas que se adican á literatura infantil e xuvenil en galego. Entre esas editoriais está a Editorial Embora do Ferrol, da que queremos destacar outro libro mais de poesía para nenos.
"Sopra neste furadiño..." é un libro de poesía infantil que te vai deixar sen alento... polo moito que vas ter que soprar.
Un libro onde se conxuga o lírico co lúdico. Un libro do ano 2007 de Antón Cortizas que conta como en "Poemas con piruleta" coa presenza de Leandro Lamas nas ilustracións.

Co teu sopro de xigante
fas voar coma unha pluma
un grandísimo elefante.

lunes, 18 de abril de 2011

O MEU GATO É UN POETA

A poesía infantil en galego está en pleno auxe, coa aparición de novas obras de gran calidade; se antes falabamos do libro "Poemas con piruleta", é agora o turno deste "O meu gato é un poeta" de Fran Alonso, nun formato tan de moda entre as editoriais galegas como é Libro+CD; desta vez a música do Cd está composta polo artista coruñes Xurxo Souto. O libro supón un achegamento á poesía dun xeito fresco e divertido a travès dos enredos do gato.


Para escoitar un tema do CD preme aquí:

domingo, 17 de abril de 2011

A TOUPIÑA QUE QUERÍA SABER QUEN LLE FIXERA AQUILO NA CABEZA

Sen dúbida un dos maiores éxitos en canto a aceptación por parte do público infantil, é este libro que atopamos musicado en internet, obra de Werner Holzwarth y Wolf Erlbruch.

sábado, 16 de abril de 2011

A AMORA

O grupo Fiandola no último disco fai unha versión musicalizada deste conto popular acumulativo do cal tamen hai unha versiòn en castelán polo "Nuevo Mester de Juglaría".

A versión que nos ofrece o grupo está baseada no conto editado pola Editorial Kalandrada, versión realizada por Anxos Garabana e Oscar Villán.




1. LIBRIÑO VIAXEIRO (III)

Por fin, saberemos de primeira man cales foron os dous lugares que visitou o noso Libriño e de quen viñan sendo os avós que vivían neles.


Tamén podes escoitar a solución a ámbolos dous interrogantes na súa propia voz.




POEMAS CON PIRULETA

A nós e aos nosos meniñ@s gústanos moito traballar e xogar co ritmo e a rima, das cantigas, dos xogos tradicionais, dos poemas creados polos poetas galegos tanto fosen feitos directamente para os nenos como aqueloutros que foisen adoitados para os nenos, cos trabalinguas... Dende Rosalía, a Cunqueiro, aos poetas medievais, a Manuel María... ningún destes poetas clásicos élle alleo aos nosos cativ@s. Mais a poesía galega coa que os nosos nen@s van entrar en contacto non vai quedar nestes clásicos de sempre, hai infinidade de autores que están facendo poesía galega para nen@s, para primeiros lectores, se queredes moi ao estilo "Gloria Fuertes".


Dende Bibliotegriña hoxe, ímosvos recomendar un libro co que rima, rimando imos coñece-lo solfeo, as cores, as estacións, as árbores e os seus froitos, os días da semana, os números do 1 ao 10 en orden descendente, os meses e moitas mais cousas. Moitas mais cousas e disfrutar coa lectura é o que imos descubrir neste libro de poemas chamado "Poemas con piruleta" de Carlos Fontes editado no ano 2009 por Galaxia e con Ilustracións de Leandro Lamas ao que xa coñeciamos da portadas dalgún disco de Servando e Contradanza.


Descendencia


A porca tivo 10 bacoriños.


A coella tivo 9 coelliños.


A rata tivo 8 ratiños.


A galiña tivo 7 poliños.


A gata tivo 6 gatiños.


A cadela tivo 5 canciños.


A cerva tivo 4 cervatiños.


A ovella tivo e añiños.


A vaca tivo 2 xatiños.


A muller tivo 1 meniño.

miércoles, 13 de abril de 2011

1. LIBRIÑO VIAXEIRO (II)

Os outros avós do noso alumno son dun fermoso pobo, tamén de preto da costa, no Mar do Ribeiro da provincia de Ourense ou o que case é o mesmo que dicir Vigo. No escudo dese pobo aparece unha torre que foi parte dun vello castelo do que só se conserva ese resto, o castelo de Sande.

Se houbese que escoller a un animal como símbolo dese pobo, non sería outro co cabalo ao que no mes de Xuño se lle dedica unha festa que consta de varias probas como a de saltos, doma, baloncesto...

Nunha das súas parroquias festéxase a Nosa Señora do Adrio, avogada das enfermidades do medrío que esixe bañar aos nenos nove veces nunha fonte para "correrlle o enganido".


Conta ademais con marabillosas paisaxes naturais como a Fervenza do río Gato.


E se vas alí o 10 de Xullo ten coidado co tráfico. Esta outra localidade é mais difícil pero seguro co neno da clase da profe Mónica nos escribe contándonos de onde son os seus avós e mais quen é.

1. LIBRIÑO VIAXEIRO (I)

Agora si que empeza de verdade o viaxe do noso libriño por Galiza, pola Galiza dos avós dos nosos alumnos. O primeiro dos nosos alumnos tiña avós nunha lonxana localidade de cuio nome non quero acordarme e da que Libriño vos vai contar unha curiosidade. Esa localidade en tempo foi un núcleo mariñeiro das Rías Baixas, e como todos os núcleos mariñeiros celebraban o seu patrón, S. Roque, a mediados de Agosto. Eles foron os derradeiros en celebrar en Galicia un curioso rito ao redor da igrexa e o adro que chamaban "procesión de pasos curtos". Consistía en que seguindo a un home que portaba un estandarte, coñecido como o "Cabo do Mar", as xentes en procesión daban dous pasos adiante, para logo dar dous pasos atrás e así sucesivamente, para de cando en vez dar medio paso cara adiante. A xente que o viviu lembraba que tardaban tanto e coa calor que facía ata os santos perdían o verniz. Recordade que estamos falando do mes de Agosto.

Por moito que a súa forma de entender a relixiosidade fose tan estricta non por iso (e gracias á retranca que herdamos deles) sabían sacarlle punta, incluso á igrexa, como se reflicte nesta copla.


O cura de ......

foi aos mexilóns,

esvarou nos croios,

rachou os concóns.


Con todo isto tedes suficientes pistas para coñecer ese lonxano lugar, ou vaivos facer falla unha foto.... Pois nada aí vai a foto.


Aínda con esta foto daquela non identificades o lugar? Outra pistiña...



AGORA SI?

lunes, 11 de abril de 2011

MOCHILA VIAXEIRA

Como outros anos, este curso estamos a poñer en marcha a actividade da mochila viaxeira. En qué consiste?. Pois veredes. Un/unha rapaz/rapaza, neste caso da aula de 5 a/6 anos leva para casa a famosa mochila chea de libros. Os que el/ela queira. Terá de plazo una semana para lelos. Sorte e a ver cándo vos toca!!!!!!!!!

sábado, 9 de abril de 2011

UN PEIXE MOI DIVERTIDO

Baseado na coleción de contos infantís empregando a técnica dos pop-ups da editorial Combel, "Cu-cú, sorpresa", Susa Herrera coa colaboración do grupo Mamá Cabra compón cancións coma esta para o seu álbum "Todos os animais ao caixón"



Cada estrofa das cancións é unha páxina do libro e aqui podedess escoitar a que corresponde a "Un peixe moi divertido"


jueves, 7 de abril de 2011

O LIBRO DAS SETE LÚAS E A VIAXE DE MOUCHIÑO

A partires do día 21 de marzo, día da Árbore, nace un novo proxecto, ao redor delas : visitamos a “Fundación Sales” (xardín botánico), imos prantar unha árbore partindo do Contacontos de “O carballo con botas” (Anxo Moure), catalogaremos as árbores do cole adicando cada unha aos diferentes persoeiros das nosas Letras, traballando poemas que darán corpo á “Fala das Ärbores” (en maio poderedes ver de qué falamos...).


Tamén estarán moi presentes no noso proxecto o traballo continuado na Horta e os “Maios”.


E, como a nós gústanos moito implicar ás nosas familias nestas aventuras, tomamos outra decisión : este curso, o noso “Libro viaxeiro das 7 lúas” ía ter unha misión diferente: levaríamolo á casa para escoller unha árbore e poríamos logo no Libro o resultado da “investigación”: podedes pegar unha folla, froito, fotos, calquera tipo de información, datos curiosos, poemas, contos...


Se vos parece, contamos así, unha vez máis e coma sempre, con vós, familias e, xa por adiantado, a profe Chus davos as grazas e mándavos unha forte aperta .....

"Nun reino encantado

moi cerca do mar

vive Mouchiño, o gran mago

que da túa man vai pasear.


Das árbores quere aprender cousas


e ti pódeslle axudar.


Vai amodiño... Xa se pousa!


Cal é a árbore da que vas falar?

LIBRIÑO VIAXEIRO

O noso libriño parte hoxe nunha longa viaxe que nos levará a coñecer os recunchos mais reconditos da nosa marabillosa terra. Nela hai un cento de lugares fantásticos que o noso amiguiño está disposto a visitar; e se falamos de lugares fantásticos, non podía deixar de visitar un lugar, producto do magnífico soño de dous irmáns, os García Naveira.

Como moitos outros galegos de finais do século XIX e da primeira mitade do XX, tiveron que emigrar, mais coma tantos outros nunca se esqueceron da súa terra. Así cando puderon retornar a ela, revertiron parte das súas ganancias na súa localidade natal fundando escolas para os nenos probes, creando edificios públicos que mellorasen a vida dos seus concidadáns... pero sobre todo deixaron para a posteridade este "Parque do Pasatempo" que hoxe visita o noso Libriño. Concebido como un parque enciclopédico ofrecía a oportunidade de recrear as viaxes ultramariñas a través de elementos figurativos e ocupaba unha extensión duns 90.000 metros cuadrados do que so se conserva unha décima parte.


ALGÚN DE VÓS VISITOU O SITIO ONDE ESTÁ LIBRIÑO?

PODEDES DICIRNOS EN QUE CONCELLO ESTÁ?


SE NON O SABEDES PEDÍDELLE AOS VOSOS PAIS QUE VOS BUSQUEN INFORMACIÓN DE ONDE SE ATOPA. CANDO O SAIBADES ESCRIBÍDEO NOS COMENTARIOS DO NOSO BLOGUE.


Como tamén é moi festeiro acudiu a unha das festas mais famosas dese pobo. Ahí tedes unha pista que vos pode servir para atopalo.

lunes, 4 de abril de 2011

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL(II)

Ante a avalancha de pais que acudiron ao colexio a pasar o día do Libro Infantil connosco houbo algún pai que axustou o seu horario para poder compartir coa súa filla e os seus compañeiros a maxia dos libros, noutro día.


domingo, 3 de abril de 2011

RAMÓN TRIGO E O PIRATA PATA DE LATA

Rematada a súa tarefa como pai, vestiuse co traxe do gran artista que é e aceptou o noso desafío de vir por enésima vez a amosarnos todo o seu arte. E esta vez cun desafío engadido o de ter que utilizar un soporte novo sobre e co que traballar, como é o encerado dixital. Como podedes ver nas fotos de seguida se fixo con él.


CÓNTANOS UN CONTO

Dende os nosos blogues queremos agradecer a colaboración de tódalas familias que compartiron connosco este día do Libro Infantil e viñeron ao colexio dos seus fillos ou irmáns a ler un libro. Grazas aos pais de Diego, Miguel, Izam, Jose, Adán, Uxía, Millán, á irmán de Adriana e mais a algún outro pai que quedou fóra desta rolda pola avalancha de voluntarios. GRAZAS A TODOS¡¡¡ Esperamos que o ano que vén vos animedes mais e ogallá teñamos que facer unha semana do libro en vez dun só día.


sábado, 2 de abril de 2011

COLECCIÓN MAKAKIÑOS

A editora Kalandraka en colaboración coa asociación B.A.T.A.(Baión Asociación Tratamento do Autismo) con sede en Vilanova de Arousa, elaborou estes títulos baseados no sistema de pictogramas, como un intento para rachar as barreiras de incomunicación e descubrirlle aos nenos con necesidades educativas especiais a maxia dos contos.



Un exempro de como son as páxinas cos pictogramas:



Mais da coleción:

Para que poidades ver con mais detalle en que consisten os libros con pictogramas, na nosa seción de recursos abriremos un apartado novo para páxinas onde se acollen libros dixitais con pictogramas.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...