jueves, 23 de mayo de 2013

PRESENTACIÓN DE "ALBORADA" EN -LIBROS PARA SOÑAR-VIGO.



 A plataforma editorial Bailarete vai presentar este venres, a partir das 18:30 horas, en LIBROS PARA SOÑAR, un álbum infantil adicado á figura e á obra de Rosalía de Castro. 
 “Alborada”, publicado na colección Alalá, combina os versos da gran poeta galega cos contos e mais coa música, para favorecer que os nenos e nenas se acheguen á poesía e aprendan a apreciala cando sexan maiores.

As historias desta sesión de contacontos parten de diferentes poemas rosalianos aos que lles porán voz a ilustradora do libro, Irene Silva, Fátima Granja, do Centro Cultural A Merced de Chaín, e Rita Bugallo, filóloga e editora de Bailarete. Tamén participará o gaiteiro Xaime Estévez, co acompañamento dos nenos e nenas do Centro Cultural A Mercede na interpretación das cantigas.
“Alborada” é un libro para ser recitado, contado e cantado; unha obra na que os poemas se transforman en historias atractivas para o público infantil; unha proposta de lectura que se plasma nun espectáculo lúdico e participativo. 
“Miña santiña, miña santasa”, “A festa Marica” e “Un repoludo gaiteiro” son as tres composicións arredor das cales se artellará a sesión de contacontos, con diversas propostas de narración a partir da utilización de monicreques, imaxes e músicas. Melodías como a “Alborada de Rosalía”, coa que Xaime Estévez vaille dar a benvida ao público desta sesión especial, no ano no que se cumpren os 150 anos da publicación de “Cantares gallegos”.

Dende a súa publicación o pasado mes de abril, esta é a terceira presentación da “Alborada” de Bailarete, que xa se puxo en escena na Fundación Rosalía de Castro, en Padrón.

LIBROS PARA SOÑAR: 986 43 37 68 | lps@kalandraka.com

miércoles, 22 de mayo de 2013

CONTOS CLÁSICOS SEN CONTO: OS TRES PORQUIÑOS.



Nesta ocasión estivemos escoitando e representando o conto cunha soa marioneta e todos os personaxes e as súas pertenzas estaban nun mesmo recurso onde os porquiños, a súa nai e o lobo aparecían e desaparecían como se fose maxia.

 

“LA NAVE DE LUCAS” E OS IMPOSIBLES QUE SE FAN POSIBLES.



LA NAVE DE LUCAS é un conto da Editorial TAKATUKA, escrito e ilustrado por DAVID GRANADOS NUIBÓ. Coa historia que presenta podemos ver que nesta vida todo é posible, e que o que se desexa con moitas ganas, pódese conseguir. Iso foi o que lle pasou a Lucas co seu desexo de ter unha nave. Os bolboretas estiveron debuxando a nave ou o foguete que lles gustaría ter e tamén debuxáronse vestidos de astronautas. O mellor algún día alguén ve os debuxos e viaxan a outro planeta.

“LA VOCECITA” E O SEU SEGREDO.



Este conto da Editorial KOKINOS permitiunos pasar un bo rato e rirnos, pero tamén nos ensinou que temos que ter coidado co que atopamos e non collelo sen pensar que pode ter dono, ou ser o que non parece. O texto e as ilustracións que son de Michaël Escoffier e Kris Di Giacomo,  resultan claras e moi divertidas. Na aula dos koalas encantounos o coello que parece un superheroe e quixemos debuxalo.

“A PEQUENA PINGA DE AUGA” UN CONTO PARA O ANO DA AUGA.


Nestes días estivemos coñecendo cousiñas sobre a vida das pingas de auga, grazas a esta historia dunha pinga pequeniña que non quería abandonar a súa nube. Despois fixemos unha marioneta da gotiña para levala á nosa casa, coidala e ensinarlle a nosa casa e como vivimos nos.



miércoles, 15 de mayo de 2013

OS LIBROS QUE ENSINAN COUSAS: “OS XOGUETES DE LIXO”


Para apoiar o traballo das aulas onde se desenvolve un proxecto sobre os xogos, nas sesións de animacións á lectura estivemos aprendendo e xogando co libro “Os xoguetes de lixo”, publicado pola Editorial  A NOSA TERRA. Os nenos e nenas da clase de 5 anos estiveron aprendendo a facer xoguetes con materiais que tiñamos nas aulas e xogando con eles. Aquí tedes algún dos que fixemos.
 
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...