domingo, 6 de decembro de 2020

Calendario de Advento!


Para facer a conta atrás,  da chegada do Nadal (unha das festas que máis desfrutan as cativas e cativos) decidimos realizar un Calendario de Advento para cada unha das aulas con diversas propostas: Adiviñas, trabalinguas, contos audiovisuais, curtas de valores, contadas  de Nadal e moitas máis sorpresas que irán destapando día a día!



Estes son algúns dos contos cos que contamos na Biblio para festexar a chegada destas datas tan emotivas. 
Ademáis dos específicos de Nadal, contamos con un amplo fondo que trasmiten valores como o de compartir, a amizade, o respecto, a humildade, etc... tan necesarios no mundo no que vivimos.



Capacidades diferentes!

O conto de "Elmer" foi ó elexido para recordar que o 3 de decembro é o día das persoas con capacidades diferentes. Este conto ensínanos a importancia de aceptar as diferencias. Esas diferencias que enchen as nosas aulas e que fan que cada neno e nena sexa único/a e irremplazable.

O noso "Elmer xigante" non tería sentido sen cada un/unha de nos como grupo.

Cada cadriño responde a un gusto e á destreza de cada un/unha deles/delas. Todos válidos e feitos con mimo e tesón.

Como di a frase feita" A única discapacidade perigosa e a de carecer de corazón".

 

 "Somos unha marea de xente, tod@s difrentes remando ó mesmo compás"

domingo, 29 de novembro de 2020

"Con vontade de Igualdade"

Dende o equipo de Biblioteca e Normalización Lingüística non queríamos deixar pasar o 25 N sen pararnos uns intres en reflexionar arredor da importancia de educar en igualdade. Se ben é certo que o traballamos, na nosa rutina ao longo do curso, nestes días facémolo con máis mimo e en profundidade. Temos a sorte de contar con numerosos contos na Biblio para educar en igualdade.
No seguinte vídeo amosámosvos algunhas instantáneas.
 
 

 As nenas e nenos de toda a escola participaron na elaboración desta estampa tan fermosa.

"Con Vontade de Igualdade"

sábado, 14 de novembro de 2020

Vivenciar as lecturas!

Os contos abren un enorme mundo á imaxinación e o coñecemento, para pequenos e maiores. Un momento máxico comeza cada vez que se abre un contiño, sempre!

A propostiña de Biblioteca de hoxe vai encamiñada a vivenciar esas lecturas de xeito manipulativo. Dar vida aos personaxes dalgún contiño que teñades na casa, empregando calquera recurso que estea ao voso alcance (tapóns, rolos de papel, teas, botellas...). Deixade que os peques sexan os protagonistas destas creacións, e acompañádeos durante a proposta.

Mesturamos así os MINIMUNDOS co PLACER DA LECTURA, dúas actividades que combinan moi ben e seguro que desfrutaredes un montón.

Sabedes que na escola empregamos moito as "pezas soltas" e hoxe imos utilizalas inspirándonos nas imaxes ou na historia dalgún conto.

Aquí tedes unha idea:


Que traballamos con esta actividade? Atención e escoita activa, toma de decisións, xogo simbólico, estruturación espacial e representación, motricidade fina, estimulación sensorial, linguaxe oral, vocabulario, creatividade...

Esta actividade ten varias fases:

1º Elección do conto entre os que teñades na casa

2º Lectura

3º Conversa: como podemos representar un escenario deste conto, que elementos podemos empregar, como o facemos, en que lugar o colocamos...

4º Elección dos elementos que necesitamos e do espazo que imos empregar

5º Representación

En todo este proceso: falamos, decidimos, escoitamos, seleccionamos materiais, facemos, desfacemos... xunt@s! 

O máis importante non é o resultado final, senon o PROCESO: respectar a súa tarefa, deixarlles facer, acompañar mentres toman decisións e resolven conflitos que poidan xurdir, permanecer ao seu carón intervindo nos momentos que son imprescindibles, sen guiar a actividade.

Desfrutádea!


luns, 2 de novembro de 2020

"Leaf Man" e "Corre corre, Cabaciña"

Nesta estación dende as aulas estanse a traballar contos como "Leaf Man" e "Corre Corre, Cabaciña" que dan pé a numerosas actividades:

Representación da figura humana e desenvolvemento da creatividade.



Reprodución de portadas artísticas.



Manipulativas, Sensoriais e matemáticas (conteo).




Lectoescritura.

Conxuro Terrorífico!

Dende o equipo de Biblioteca ofrecémoslles ás aulas  un conxuro terrorífico para celebrar este  Samaín. A rima permite estimular a linguaxe expresiva e comprensiva. Ademais, favorece a memoria e axuda a concienciar sobre o ritmo, a sonoridade e a musicalidade da linguaxe.

OS INGREDIENTES PARA ESTA RECEITA MÁXICA FORON:

PELOS DE BRUXA: fideos chinos de chícharos e fabas.

MOCOS DE OGRO:  xelatina.

UÑAS DE DRAGÓN: sementes de cabazas.

PÓ DE OSO VELLO: panela.

OLLOS DE ARAÑA:  arandos.

A súa elaboración nas aulas axudou a trasportar @s cativ@s ó mundo divertido da linguaxe, a aprender a escoitar, a reforzar a atención, a memoria, a discriminación auditiva e a imaxinación.

Levouse a cabo  de xeito bilingüe , mediante videochamada coa mestra de inglés. Este feito deixounos abraiados... “Teacher que haces dentro de esa cueva”. O feito de non poder estar de forma presencial non lle impediu participar neste conxuro tan terrorífico (Grazas Teacher) ofrecéndolles o referente na lingua inglesa.





Como di o conxuro...

Plis Plas Plis Plas,

no vindeiro Samaín mais!

sábado, 24 de outubro de 2020

Estamos de Volta!

Hoxe 24 de outubro celebrase o Día das Bibliotecas.  Non queríamos deixar pasar esta ocasión, sen reflexionar sobre a importancia do seu uso, como espazo de aproximación a novos coñecementos e de crecemento persoal.

Nestes tempos que corren ante o COVID 19 tivemos que facer restricións no uso da biblioteca da escola, posto que o espazo destinado, é moi pequeno. Dotamos as aulas de máis fondos e o préstamo semanal realizase dende titoría. @s Pitiñ@s e @s Formiguiñ@s xa están a gozar dos contos cada fin de semana nos seus fogares. Os Dinos farano moi pronto, xa que o primeiro, é adaptarse as novas rutinas da escola.

Queremos que as familias tamén teñan acceso o uso da biblioteca, porén o vindeiro martes día 27 de outubro restablecese a biblioteca de familias. No patio cuberto da escola haberá un moble expositivo cheo de diversas lecturas dirixidas @s adult@s. A temática dos fondos é moi diversa: Cociña, Bricolaxe, manualidades, plantas medicinais, horta, xogos populares, psicoloxía, pedagoxía, educación emocional, resolución de conflitos, separacións, adopcións, etc.




O horario será de 16:00 as 17:00 os martes. A elección farase de un en un respectando a distancia de seguridade. Moitas grazas pola colaboración.

“Para viajar lejos,

No hay mejor nave

Que un libro”

Emily Dickinson

 

luns, 8 de xuño de 2020

TRABALINGUAS PARA QUE SE TRABE A TÚA LINGUA!

Os trabalinguas forman parte esencial da cultura popular. Son xogos de palabras que se caracterizan por repetir sílabas ou termos coa mesma terminación silábica, de maneira que resultan difíciles de pronunciar. De feito, os trabalinguas son un exercicio excelente para adestrar a pronuncia e vocalización da cativada, á vez que melloran o seu vocabulario e fomentan a memoria. 
Ó comezo é importante pedir a crianza que repita o trabalinguas amodo, até que o entenda e aprenda a pronuncialo de memoria. Ós poucos, con paciencia, irá controlando o trabalinguas e, cando xa domine a súa pronuncia amodo, poderá comezar a recitalo un pouco máis rápido até tropezar coas palabras. 
Cando unha persoa equivócase na pronuncia do trabalinguas, provoca unha situación moi graciosa en familia. Así pois…animarvos! As crianzas encantaralles xogar a trabarse a lingua.


luns, 1 de xuño de 2020

CHEGOU A HORA DA NATUREZA

A variedade de alimentos que comemos, o aire que respiramos, a auga que bebemos e o clima que fai posible a nosa vida no planeta, non existirían sen os servizos da Natureza. 
Eventos recentes como os incendios forestais en Brasil, California e Australia, a invasión de lagostas no Corno de África e agora a pandemia do COVID-19, amosan a difícil relación entre os humanos e as nosas redes de vida. A natureza está a enviarnos unha mensaxe; para coidar das persoas, primeiro debemos coidar dela. 
As actividades de conservación, coidado e respecto pola natureza, impregnan a nosa rutina escolar. Despois do compromiso que adquirimos como comunidade educativa en reducir o uso de plástico, chegou a hora de reaccionar, de reconstruír mellor para as crianzas e o planeta. Chegou a Hora da Natureza. 
Esta semana é o Día Mundial do Medio Ambiente e o equipo docente apostou por inventar unha historia que fala da reutilización e da reciclaxe. Non é unha historia calquera, é a nosa historia.


 

Despois de visionar o conto podemos deixar voar a imaxinación preguntándolle ás crianzas: “onde vos gustaría encontrar de novo o envase de iogur?, converteríase noutra cousa?”. Para isto podedes axudarlles ca frase máxica “pensamos, pensamos, pensamos e volvemos a pensar; pensamos, pensamos, pensamos e dicímolo xa!”.

luns, 25 de maio de 2020

UN POUQUIÑO DE POESÍA!

Ademais de crecer escoitando contos infantís, as crianzas que gozan da poesía desenvolven importantes habilidades lingüísticas e cognitivas.
A poesía é estética, ritmo, creatividade, imaxinación e coñecemento.
Un poema é algo persoal e subxectivo; nunha persoa pode espertar unha emoción e noutra algo totalmente diferente. Seguramente, as nenas e os nenos escoiten recitar algúns versos e para elas e eles nun primeiro momento pode non ter un significado claro, pero o que si é seguro é que quedan con esa sonoridade.
“Papá, tía, avó...quero que me leas máis, quero escoitar máis disto”. O obxectivo en Educación Infantil é espertar o seu interese, que coñezan o seu atractivo para que queiran saber máis.
Propóñovos que xoguedes en familia a buscar unha ilustración, imaxe ou fotografía que represente o poema ou un fragmento del.
Outra proposta moi divertida podería ser xogar con elas e eles a escoller unha estrofa do poema e recitala empregando diferentes emocións (contenta ou contento, triste, enfadada ou enfadado…).
As estrofas que recitei pertencen o poema “Galiza” de Manuel María.

Galiza docemente
está ollando o mar:
ten vales e montañas
e terras pra labrar!

Galiza é unha nai
velliña, soñadora:
na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galiza é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
Mais hai outra Galiza
que vai no sentimento!

Galiza somos nós:
a xente e mais a fala.
Se buscas a Galiza
en ti tes que atopala!


martes, 19 de maio de 2020

Letras Galegas 2020

RICARDO CARVALHO CALERO

Aquí vos deixamos o estupendo traballo dos Peixiños e Peixiñas; cada un/unha dende a súa casa conseguen facer un gran traballo en equipo.

Agora xa podemos saber máis un chisquiño máis sobre figura de Ricardo Carvalho Calero.

venres, 15 de maio de 2020

Feliz Día da Familia!

En tempos de redefinición da estrutura familiar e ca aparición de novas formas de convivencia, queremos que sexan visíbeis diversas formas de parella ou xeitos de ser pai ou nai. As crianzas necesitan entender que as fronteiras da familia son amplas e están abertas.

Nesta corentena, fomos conscientes daquelas cousas materiais que non botamos en falta e con todo, de como son indispensábeis aqueles lugares onde existe amor.

A familia “Tegriña” quere desexarvos un feliz Día da Familia e darvos as grazas polos vosos esforzos, sinais de amor e comprensión.
Xuntas e xuntos somos máis.☺❤


luns, 11 de maio de 2020

¿Que contos son?

Boas familias! Precisamos de novo a vosa axuda! As profes enviaron un Whatsapp para pedir uns libros na Biblio! Pero non sei cales son! Podedes axudarme??? Respondede en comentarios! Moitas grazas!

luns, 27 de abril de 2020

CONTADA DE "CON TANGO SON TRES".



“Con Tango son tres” é unha boa oportunidade para conversar cas crianzas de tolerancia, dos numerosos modelos de familia que existen e de como o amor transcende da orientación sexual.
Os zoolóxicos actuais non son os de hai algunhas décadas onde os animais vivían nunhas condicións moi complicadas. Porén, os sentimentos ó visitar estes lugares son ás veces moi contraditorios.
Animámosvos a reflexionar sobre estes aspectos e todos aqueles que poidan xurdir.

Moitos folgos e apertas! 😉💓

luns, 20 de abril de 2020

#QUEDANACASA


Nestes días onde temos a ocasión para que as crianzas e os adultos aprendan a xestionar a frustración, o estrés, a ira, a alegría ou os medos; debemos aprender a coidarnos máis. 
Aprender a ser persoas máis empáticas e máis coidadosas cos nosos actos. Esta situación extraordinaria bríndanos a posibilidade de coñecernos máis e na educación é algo fundamental.
Por isto propóñovos a lectura e/ou visionado do conto “Te quiero (casi siempre)” de Ana LLenas.

Poderedes seguir poñendo en práctica algúns exemplos de actividades sinxelas para realizar cando utilizamos o recurso do conto. Aí van algunhas máis:

  • Xogo de vocabulario. Unha persoa da familia reparte tarxetas co debuxo ou nome das palabras máis representativas ou complexas que aparecen no texto. Entre todas e todos falades delas e do seu significado, botando nun recipiente vacío todas aquelas que ides aprendendo até que non quede ningunha.


  • Expresión plástica. Repártense varias escenas do conto de xeito individual, por parellas ou equipos para que as coloreen. Unha vez feito, ordénanse as secuencias seguindo a historia e se pegan nunha cartolina ou calquera outro material.
    Pódese tamén aproveitar para que as crianzas volvan a contar o conto seguindo estas secuencias e podendo introducir tamén se é o caso cambios na historia.

  • Repetimos o conto!. Contar de novo a historia dun xeito máis divertido. Poderemos formar un tren entre todas as persoas que esteamos na casa mentres soa unha canción. Cada vez que unha persoa adulta para a música, o tren detense nunha estación e as crianzas escoitan un fragmento da narración, mentres recordan tamén as ilustracións da mesma. En canto soe de novo a música, o tren volve a formarse e ponse en marcha até a nova parada ou fragmento.

  • Xogo sensorial. Elíxense de 3 a 5 obxectos que aparezan no relato e gárdanse nun cofre ou caixa. Cada crianza cos ollos vendados debe adiviñar de que obxecto se trata mediante o tacto ou pequenas pistas.









Esta, como sempre, é unha proposta, un exemplo suxeito á realidade de cada familia, ós intereses e ritmos distintos de cada nena e neno. Tan interesante como levalas a cabo é ser flexibles e adaptarse as demandas de cada crianza.

Folgos e apertas! 😊 💓

luns, 30 de marzo de 2020

Precisamos axuda!

Temos que contestar a este WhatsApp! Nestas emoticonas hai escondidos algúns dos contos que atopades na Biblio da escola!
Axudádesnos? Respondede na opción de comentarios! Moitas grazas!



#Contos para quedar na casa

*Para traballar sobre comportamentos non discriminatorios: NEGROS Y BLANCOS

https://pazuela.files.wordpress.com/2012/05/negros-y-blancos.pdf











*Para pensar e aprender sobre diversas leccións vitais (solidariedade, compañeirismo, resiliencia): NADARÍN

https://es.slideshare.net/elenmontoya/nadarn-16321962














*Para traballar o amor: TE QUIERO CASI SIEMPRE (contada con canción)








*Para facer un xiro e un pouco de burla aos estereotipos dos clásicos infantís onde as princesas son algo máis e a perfección non existe: LAS PRINCESAS TAMBIÉN SE TIRAN PEDOS
https://www.academia.edu/36833484/Las_princesas_tambien_se_tiran_pedos














*Para traballar a liberdade: SALVAJE

luns, 10 de febreiro de 2020

Xa cheira a Entroido!

Hoxe contamos un pouquiño sobre o Entroido, e comezamos falando sobre quen son os Cigarróns...
Na aula dos Peixiños descubrímolos no libro de Valentes; e, hoxe a Biblio estivo aberta durante o recreo; o libro do día foi: É TEMPO DE ENTROIDO,  e animámonos a facer algúns Cigarróns no Recuncho Maker.




Contos pola Paz

Como todos os anos, os nosos amigos e amigas do IES A  Guía viñeron a contarnos uns "Contiños pola Paz". En Galego, Castelán e Inglés.
E cunhas galletiñas que nos deron de agasallo!
Cada ano máis encantados de estar con elas e eles!






Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...