luns, 27 de abril de 2020

CONTADA DE "CON TANGO SON TRES".



“Con Tango son tres” é unha boa oportunidade para conversar cas crianzas de tolerancia, dos numerosos modelos de familia que existen e de como o amor transcende da orientación sexual.
Os zoolóxicos actuais non son os de hai algunhas décadas onde os animais vivían nunhas condicións moi complicadas. Porén, os sentimentos ó visitar estes lugares son ás veces moi contraditorios.
Animámosvos a reflexionar sobre estes aspectos e todos aqueles que poidan xurdir.

Moitos folgos e apertas! 😉💓

luns, 20 de abril de 2020

#QUEDANACASA


Nestes días onde temos a ocasión para que as crianzas e os adultos aprendan a xestionar a frustración, o estrés, a ira, a alegría ou os medos; debemos aprender a coidarnos máis. 
Aprender a ser persoas máis empáticas e máis coidadosas cos nosos actos. Esta situación extraordinaria bríndanos a posibilidade de coñecernos máis e na educación é algo fundamental.
Por isto propóñovos a lectura e/ou visionado do conto “Te quiero (casi siempre)” de Ana LLenas.

Poderedes seguir poñendo en práctica algúns exemplos de actividades sinxelas para realizar cando utilizamos o recurso do conto. Aí van algunhas máis:

  • Xogo de vocabulario. Unha persoa da familia reparte tarxetas co debuxo ou nome das palabras máis representativas ou complexas que aparecen no texto. Entre todas e todos falades delas e do seu significado, botando nun recipiente vacío todas aquelas que ides aprendendo até que non quede ningunha.


  • Expresión plástica. Repártense varias escenas do conto de xeito individual, por parellas ou equipos para que as coloreen. Unha vez feito, ordénanse as secuencias seguindo a historia e se pegan nunha cartolina ou calquera outro material.
    Pódese tamén aproveitar para que as crianzas volvan a contar o conto seguindo estas secuencias e podendo introducir tamén se é o caso cambios na historia.

  • Repetimos o conto!. Contar de novo a historia dun xeito máis divertido. Poderemos formar un tren entre todas as persoas que esteamos na casa mentres soa unha canción. Cada vez que unha persoa adulta para a música, o tren detense nunha estación e as crianzas escoitan un fragmento da narración, mentres recordan tamén as ilustracións da mesma. En canto soe de novo a música, o tren volve a formarse e ponse en marcha até a nova parada ou fragmento.

  • Xogo sensorial. Elíxense de 3 a 5 obxectos que aparezan no relato e gárdanse nun cofre ou caixa. Cada crianza cos ollos vendados debe adiviñar de que obxecto se trata mediante o tacto ou pequenas pistas.









Esta, como sempre, é unha proposta, un exemplo suxeito á realidade de cada familia, ós intereses e ritmos distintos de cada nena e neno. Tan interesante como levalas a cabo é ser flexibles e adaptarse as demandas de cada crianza.

Folgos e apertas! 😊 💓
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...