luns, 25 de maio de 2020

UN POUQUIÑO DE POESÍA!

Ademais de crecer escoitando contos infantís, as crianzas que gozan da poesía desenvolven importantes habilidades lingüísticas e cognitivas.
A poesía é estética, ritmo, creatividade, imaxinación e coñecemento.
Un poema é algo persoal e subxectivo; nunha persoa pode espertar unha emoción e noutra algo totalmente diferente. Seguramente, as nenas e os nenos escoiten recitar algúns versos e para elas e eles nun primeiro momento pode non ter un significado claro, pero o que si é seguro é que quedan con esa sonoridade.
“Papá, tía, avó...quero que me leas máis, quero escoitar máis disto”. O obxectivo en Educación Infantil é espertar o seu interese, que coñezan o seu atractivo para que queiran saber máis.
Propóñovos que xoguedes en familia a buscar unha ilustración, imaxe ou fotografía que represente o poema ou un fragmento del.
Outra proposta moi divertida podería ser xogar con elas e eles a escoller unha estrofa do poema e recitala empregando diferentes emocións (contenta ou contento, triste, enfadada ou enfadado…).
As estrofas que recitei pertencen o poema “Galiza” de Manuel María.

Galiza docemente
está ollando o mar:
ten vales e montañas
e terras pra labrar!

Galiza é unha nai
velliña, soñadora:
na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galiza é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
Mais hai outra Galiza
que vai no sentimento!

Galiza somos nós:
a xente e mais a fala.
Se buscas a Galiza
en ti tes que atopala!


martes, 19 de maio de 2020

Letras Galegas 2020

RICARDO CARVALHO CALERO

Aquí vos deixamos o estupendo traballo dos Peixiños e Peixiñas; cada un/unha dende a súa casa conseguen facer un gran traballo en equipo.

Agora xa podemos saber máis un chisquiño máis sobre figura de Ricardo Carvalho Calero.

venres, 15 de maio de 2020

Feliz Día da Familia!

En tempos de redefinición da estrutura familiar e ca aparición de novas formas de convivencia, queremos que sexan visíbeis diversas formas de parella ou xeitos de ser pai ou nai. As crianzas necesitan entender que as fronteiras da familia son amplas e están abertas.

Nesta corentena, fomos conscientes daquelas cousas materiais que non botamos en falta e con todo, de como son indispensábeis aqueles lugares onde existe amor.

A familia “Tegriña” quere desexarvos un feliz Día da Familia e darvos as grazas polos vosos esforzos, sinais de amor e comprensión.
Xuntas e xuntos somos máis.☺❤


luns, 11 de maio de 2020

¿Que contos son?

Boas familias! Precisamos de novo a vosa axuda! As profes enviaron un Whatsapp para pedir uns libros na Biblio! Pero non sei cales son! Podedes axudarme??? Respondede en comentarios! Moitas grazas!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...