Sendo Maio, lembrando o centenario do nacemento dunha das mais grandes luminarias da Literatura Galega, como non habíamos de deixar no noso blogue un dos discursos mais famosos de Álvaro Cunqueiro; este sentido discurso que pronunciou nunha homenaxe ao escritor e que tivo lugar en Vigo.
Louvado seña Deus
porque me permitiu nacer, medrar, facerme home e agora
envellecer neste grande reino que chamamos Galicia; neste
grande reino do Fisterre que vai desde os montes ata o mar, onde
brillan os pés do vento; este país dos dez mil ríos, do vello camiño
das peregrinacións, este país dos mil vales, este país fermoso e
eternamente verde, Patria querida, a terra no senso barresiano:
as patrias son a terra e os mortos.
Gracias a Deus por este Reino.
Louvado seña Deus tamén por terme dado o don da fala.
Por terme ensinado a dicir "rula" e "abidueira" e "dorna" e "ponte"
e "fonte",
e entón eu sabendo estas palabras era verdadeiramente dono
da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte.
As miñas invencións, e as miñas maxias teñen embargante
un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago,
eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase,
porque a duración da fala é a única posibilidade
de que nós duremos como pobo.
Eu quixen que Galicia continuase, e ó lado da patria terreal,
da patria que son a terra e os mortos,
hai esta outra patria que é a nosa fala.
Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio
, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida:
"eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase
MIL PRIMAVERAS MÁIS.
MIL PRIMAVERAS MÁIS.
eres el mejor
ResponderEliminar