xoves, 23 de maio de 2013

PRESENTACIÓN DE "ALBORADA" EN -LIBROS PARA SOÑAR-VIGO.



 A plataforma editorial Bailarete vai presentar este venres, a partir das 18:30 horas, en LIBROS PARA SOÑAR, un álbum infantil adicado á figura e á obra de Rosalía de Castro. 
 “Alborada”, publicado na colección Alalá, combina os versos da gran poeta galega cos contos e mais coa música, para favorecer que os nenos e nenas se acheguen á poesía e aprendan a apreciala cando sexan maiores.

As historias desta sesión de contacontos parten de diferentes poemas rosalianos aos que lles porán voz a ilustradora do libro, Irene Silva, Fátima Granja, do Centro Cultural A Merced de Chaín, e Rita Bugallo, filóloga e editora de Bailarete. Tamén participará o gaiteiro Xaime Estévez, co acompañamento dos nenos e nenas do Centro Cultural A Mercede na interpretación das cantigas.
“Alborada” é un libro para ser recitado, contado e cantado; unha obra na que os poemas se transforman en historias atractivas para o público infantil; unha proposta de lectura que se plasma nun espectáculo lúdico e participativo. 
“Miña santiña, miña santasa”, “A festa Marica” e “Un repoludo gaiteiro” son as tres composicións arredor das cales se artellará a sesión de contacontos, con diversas propostas de narración a partir da utilización de monicreques, imaxes e músicas. Melodías como a “Alborada de Rosalía”, coa que Xaime Estévez vaille dar a benvida ao público desta sesión especial, no ano no que se cumpren os 150 anos da publicación de “Cantares gallegos”.

Dende a súa publicación o pasado mes de abril, esta é a terceira presentación da “Alborada” de Bailarete, que xa se puxo en escena na Fundación Rosalía de Castro, en Padrón.

LIBROS PARA SOÑAR: 986 43 37 68 | lps@kalandraka.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...