luns, 29 de xuño de 2015

O NOSO PADRIÑO RAMÓN TRIGO VAI IMPARTIR UN OBRADOIRO INFANTIL NA LIBRARÍA LIBROS PARA SOÑAR

O ilustrador vigués Ramón Trigo vai impartir un obradoiro infantil, dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos, sobre “Como construír un libro”. Realizarase en LIBROS PARA SOÑAR os días 6, 7 e 8 de xullo en horario de 11:00 a 13:00 horas, cunha pausa para que os rapaces e rapazas participantes tomen cadansúa merenda que leven preparada da casa.
Partindo de obras da súa autoría, como “O pirata Pata de Lata“, ilustrada por Ramón Trigo e publicada por KALANDRAKA, os nenos e nenas farán un achegamento ao proceso de creación dun libro impreso: a concreción dunha idea, a estrutura do relato, os bosquexos das ilustracións, a redacción da historia e o debuxo das imaxes que acompañan o texto. Ao remate do obradoiro, os nenos e nenas poderán levar o seu traballo encadernado, como se dun libro propio se tratara, para compartilo coa familia e cos amigos.
A actividade ten por obxectivo estimular a súa imaxinación, que se manteñan activos tamén durante as vacacións estivais, e que desenvolvan as súas habilidades literarias e plásticas, ao tempo que as nais e os pais teñen unha axuda para poder conciliar a vida laboral e familiar.
Ademais de autor e ilustrador, Ramón Trigo ten experiencia impartindo obradoiros para público infantil e adulto. De formación autodidacta, iniciou a súa traxectoria artística en xornais e revistas especializadas en banda deseñada. As súas primeiras obras pictóricas datan da década de 1980; dende entón ilustra libros para varias editoriais -algúns incluídos na selección The White Ravens- e realiza exposicións cos seus cadros e esculturas. A súa obra presentouse en países como Alemaña, Bélxica, Lituania, Italia e Portugal. Entre as distincións que recibiu destacan o Premio Arte Xove Galego, os premios de álbum ilustrado infantil Cidade de Alicante e Cabildo de Gran Canaria. O seu libro máis recente, “Leviatán“, publicado no selo Faktoría K, gañou o Premio Lazarillo 2012 e o Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración 2015 outorgado pola Asociación Galega de Editores.

O obradoiro ten un custe de 30 euros polos tres días e as prazas son limitadas. As inscricións pódense formalizar en LIBROS PARA SOÑAR (rúa Triunfo 1, Vigo) por teléfono no número 986 43 37 68 ou por correo electrónico no enderezo lps@kalandraka.com.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...