sábado, 21 de maio de 2011

RAMÓN OTERO PEDRAYO

Don Ramón Otero Pedrayo naceu en 1888 en Ourense, no seo dunha familia fidalga, culta e liberal. Cursou o Bacharelato en Ourense e a licenciatura en Dereito e Filosofía e Letras en Madrid. De volta á súa cidade natal pasou a ser unha das figuras máis dinámicas do ambiente cultural do Ateneo, xunto con Vicente Risco, Florentino Cuevillas e Primitivo Rodríguez Sanjurjo. Con este grupo, completamente desligado da cultura e política galegas, Otero dará os seus primeiros pasos na literatura, intervindo na redacción da revista La Centuria (1917-1918). Pouco despois, a instancias de Antón Losada Diéguez, o  grupo tomaba consciencia da problemática do país e ingresaba nas ringleiras do galeguismo. En 1919, Otero gañou as oposicións a cátedras de ensino medio e axiña foi destinado ao Instituto de Ourense. A partir de agora vai dedicarse ao cultivo das nosas letras nos ámbitos máis diversos, distinguíndose como un dos máis insignes polígrafos galegos. Colabora en diferentes xornais e revistas, desenvolve unha intensa actividade na sección de Xeografía e Historia do Seminario de Estudos Galegos e principia o seu labor como escritor. A súa primeira obra narrativa foi a novela curta Pantelas, home libre (1925), á que seguirán Os camiños da vida, Arredor de sí, A romaría de Xelmirez... Tamén cultivou Otero o relato breve e o ensaio, fundamentalmente de carácter histórico, xeográfico e literario, ao tempo que se revelaba como orador de extraordinarias cualidades, espontáneo e exuberante.
Participa na fundación do Partido Galeguista e sae elixido, en 1931, deputado das Cortes Constituíntes. No seo do Partido, Otero situábase ideoloxicamente no bando conservador, mais acatou a decisión da maioría cando esta optou pola integración na Frente Popular. Ao comezar a guerra civil, a pesar do seu talante conservador e relixioso, Otero foi expedientado, cesado como catedrático de instituto e retirouse á casa familiar de Trasalba. Desde alí colaborou puntualmente na prensa americana, en publicacións madrileñas e catalanas e, xa a mediados da década de corenta, con maior asiduidade en diferentes xornais galegos.
En 1949 foi restituído na súa cátedra de Instituto e no ano seguinte gañou a cátedra de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Participou tamén na fundación da Editorial Galaxia, para a que entregará a colección de relatos Entre a vendima e a castiñeira e numerosos traballos que foron publicados na revista Grial.
Na capital galega vai morar ata 1958, etapa na que servirá de guía á mocidade galeguista que está a xurdir nos ambientes universitarios e contribuirá á súa vertebración. No momento do seu falecemento, en 1976, era considerado unanimemente o patriarca das letras galegas, creador dunha vasta e plural obra literaria e ensaística, e un grande exemplo da resistencia galeguista na longa etapa da ditadura. Home dunha vastísima cultura, Ramón Otero Pedrayo integra, con Risco, Castelao e Losada Diéguez, o denominado Grupo Nós.

Poema "Himno ao Xamón"

 Groria do porco, frol da invernía,
sona da casa, lapa de carne
Xamón.
Densidá ilustre da cena sabia,
gracia e potencia, rosa do pote,
Xamón.
Coallo dos froitos todos da terra,
labio fresqueiro, mantenza antiga,
Xamón
Febra xugosa, rica canteira onde
se curtan limpos poliedros
Xamón.
Benedictina fartura ilustre de Oseira e
Samos, coartel famoso,
Xamón.
Rei da lareira, carne petrucia, da Raza
esgrevia gardas o zume,
Xamón.
De rica alquímia Summa suprema,
Fariña, poma. Landra, castaña.)
Xamón,
Sal do fumeiro, na noite negra
do viño en xerra irmán doado,
Xamón
Pai das artritis, das esclerosis .
fildalgas doenzas do pazo antergo,
Xamón.
Tentación dura pra o anacoreta,
coor de meixela, carne de lume,
Xamón.
Do chan galego tes a dozura
se a meias coces con fachas secas,
Xamón
Sono adoecido do triste abstemio
farto de berzas, todo augachirle,
Xamón,
Pra tí frolecen os soutos vellos,
medran as hortas, madura o nabo,
Xamón.
Para gabarte cantóu Homero,
brilas no hexámetro, manxar heroico
Xamón
Liturxias vellas impós ós fieis
aristocrática, feudal mantenza,
Xamón
Coma o pescado roxo e sabroso
amoleciches ó funcionario,
Xamón
Do norte xiado veu pra buscarte
o loiro suevo fillo da guerra,
Xamón.
Da xente aria vella mantenza,
na túa presencia trema o Semita,
Xamón.
Triste xudeu farto de ovella
morre de envexa pola túa groria,
Xamón.
Criado con calma, mimo, coidado,
da esencia do agro síntesis rara,
Xamón.
Mentras o fígado come o escolante,
ríllate ancioso o forte abade,
Xamón
Tes en Caldelas forte crianza
na neve xiada das cumes outas,
Xamón.
Dacón por ti goza de sona
de ser Porcópolis, Chicago noso,
Xamón.
Papa das carnes, cardealicio,
archimandrita da limpa mesa,
Xamón.
Homildemente a tí chegamosos
pelingrinos, fartos de légoas,
Xamón.
E no teu gosto fresco e potente
teñen consolo as nosas fames,
Xamón.
¡Rei da mantenza, sol do fumeiro,
que sempre agardes nosa chegada
Xamón.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...