Vicente Risco naceu en Ourense, en 1884, licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago en 1906, tras o cal exerceu a súa profesión na súa vila natal, mais deixou este traballo para cursar os estudos de Maxisterio en Madrid, con que obtivo a cátedra de Historia na Escola Normal de Ourense en 1916.
En 1917 fundou con Arturo Noguerol a revista literaria La Centuria, ao ano seguinte, todo o grupo de La Centuria manifestou o seu compromiso co galeguismo contactando, a través de Antón Losada Diéguez, coas Irmandades da Fala. Esta evolución ideolóxica ficou plasmada no ensaio Nós, os inadaptados (1933).
Risco desenvolveu un labor fundamental a prol da recuperación e dignificación da cultura galega, preocupación que o levou a atender a múltiples frontes, desde aconsellar e guiar a nova xeración até se transformar no ideólogo do nacionalismo co ensaio Teoría do nacionalismo galego. Foi fundador da revista Nós e colaborou no Seminario de Estudos Galegos. Iniciou a súa andaina como narrador no ámbito da novela curta (Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros, 1919; O lobo da xente, 1925,...) para seguir cunha novela fundamental na literatura galega, O porco de pé (1928). Mais tamén cultivou todos os outros xéneros: teatro, poesía e, sobre todo, o ensaio. En 1930 Risco realizou unha viaxe como bolseiro co fin de se achegar á etnografía centroeuropea. De regreso publicou "Da Alemaña" na revista Nós, un conxunto de artigos que serán compilados posteriormente en Mittleleuropa (1934), onde se pode apreciar a súa postura ideolóxica, cada vez máis tradicionalista.
A súa aportación máis destacada dentro do Partido Galeguista foi a creación e posterior escisión da Dereita Galeguista. Durante a guerra foi un afervoado cantor dos fascistas sublevados. En 1945 marchou a Madrid, mais voltou definitivamente para Ourense en 1948. Son anos en que Risco está centrado na súa carreira como escritor español. De todos os xeitos, a instancias dos seus vellos camaradas, baixo o título de Leria, publicou en 1961 unha escolma de traballos filosóficos, críticos e literarios, redixidos na nosa lingua entre 1920 e 1955.
Tras a súa morte, acaecida en 1963, a multifacetada e controvertida personalidade de Vicente Risco continuou a exercer unha forte fascinación, e a súa obra investigadora, ensaística, crítica, etnográfica e literaria foi obxecto de numerosos estudos.
Fragmento "Leria" (1965)
"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo. Cada terra é como se fose o mundo enteiro. Poderala andar en pouco tempo do norte para o sur, do leste para o oeste noutro tanto; poderala volver andar outra vez e máis: non a has dar andado. E de cada vez que a andes, has atopar cousas novas e outras has botar de menos. Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e dende logo, moito meirande de como ti a ves. ¿Non din os filósofos que o home é o “microcosmos”, o compendio, o resumo do universo todo? Para canto máis unha terra con todos os homes que nela viven, un pobo que, se cadra, é unha sorte de Adam Kadmon... Do grandor do teu espírito depende todo; canto máis pequeno sexa, máis terra precisará. Se o teu pensar é fondo, a túa terra, para ti, non terá cabo; nela estará o mundo con todos os seus climas. Se o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena, es ti, que endexamais poderás concibir nada grande.”
Poema futurista "U...ju...ju..."
Terra
Duas áas diagonaladas d’ azur baten no mar
Sóbor do Atlántico a diástole imensa da raza
Vapor en todol-os motores do mundo
Añudadol-os nosos nervos á todol-os fíos eléctricos
Terra
A Cruña fita as brétemas d’ Irlanda
Vigo os raña-ceos de Nova York
GALICIA FOR EVER
CRUÑA
Puntos de tensión maxima da vida
VIGO
Terra.
Nudo de todol-os fíos
Enfiando todal-as vilas do mundo
Todal-as sirenas a un tempo a sonar
Trés pintados de sol furando a terra
No cabo de todol-os paralelos
Terra
As flechas das arelas solagadas da Atlántida
Nas nosas espadañas
Onde repican ó bautizo dos séculos novos
Antenas pra radiografial-os nosos himnos ás estrelas
Terra
Folgos de millós de peitos
Mañan
Brinco de todal-as vontades
Estralar de todol-os miolos
Terra
N. S. E. W.
Terra
Chuvia d’ estrelas
Alborada
Lóstrego
Rayos X
Profecía
Terra
O ceo rachou d’ arriba abaixo
Terra
HIP HIP HIP
HURRA
Ningún comentario:
Publicar un comentario