xoves, 26 de maio de 2011

EDUARDO BLANCO AMOR

Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense no ano 1897. Fillo menor dunha familia modesta e autodidacta desde a infancia, en 1915 entrou como secretario de dirección en El diario de Orense. Antes de emigrar á Arxentina en 1919, participou no ambiente literario da cidade das Burgas e coñeceu o maxisterio de Risco, fundamental no seu posicionamento militante en defensa da causa galega e da universalidade da nosa literatura. Instalado en Bos Aires, proseguiu a súa formación en contacto coa vida cultural da emigración e con intelectuais e artistas do continente. En 1923 fundou con Isla Couto a revista galega Terra e, tres anos máis tarde, ingresou na redacción do diario La Nación. A súa carreira literaria comezou en 1928 coa publicación de Romances Galegos. Neses anos realizou dúas viaxes á Península como correspondente de La Nación. Na primeira (1929-31) trabou contacto con Castelao, así como con varios intelectuais do Partido Galeguista e do Grupo Nós. Aquí escribiu Poema en catro tempos (1931), longa composición sinfónica de filiación vangardista que publicaría na Arxentina. Xa en Bos Aires, Otero pediulle que colaborase na revista Nós, onde Blanco Amor publicou, ademais de poemas, tres capítulos de A escadeira de Jacob, novela inconclusa. Na segunda estadía (1933-35), coñecería algúns dos membros da Xeración do 27 española.
Tras o levantamento militar, defendeu desde a Arxentina a legalidade prebélica e o Estatuto de Autonomía e impulsou o espallamento da nosa literatura no continente americano. Porén, até o ano 1956, en que publica Cancioneiro, a súa produción literaria estivo redixida en español, nun intento fallido de se integrar na cultura española.
Antes de abandonar definitivamente América, Blanco Amor publicou A Esmorga (1959), libro que se constituiría nun dos grandes fitos da renovación da narrativa galega.
Xa de volta en Galiza, regresa tamén á cultura e a lingua galegas, dando ao prelo outra obra de enorme éxito: Os biosbardos (1962). Aínda que se viu ignorado pola oficialidade cultural, que o animara a regresar para despois desamparalo, literariamente viviu os seus anos máis fecundos. Tras publicar unha nova edición de A Esmorga (1970) e a longa novela Xente ao lonxe (1972), centrou a súa produción no teatro (Farsas para Títeres, 1973; Teatro pra a xente, 1975) e interviu no intenso debate teatral do momento.
Morreu en Vigo en 1979.

"Os Biosbardos"

"Meu pai, desquitándose, púxolle unha carta, devolvéndolle a pasaxe, que finaba así: “E non é do caso que o meu fillo, que dentro do que nos podemos, endexamais fixo vida de segunda, teña que dar comezo a ese porvir que tan abondoso pintas facendo vida de terceira”.
Meu pai tiña talento. Eu pelexei moito con el, pero nunca dubidei do seu talento. A proba é que pasaron os anos e non me fun a par do meu tío, a facerme rico limpándolle as cañerías os americanos, a falar da liberdade coa alma encadeada para decote, sen remedio…
Miña nai ainda amolecía lendo algunhas cartas. Meu pai, nunca. As nais son moi boas, pero pensan en demasía no noso porvir. Moitas veces, a forza de pensar tanto no noso porvir, déixan-nos sen presente."


Poesía "Romance do Feitizo do Amor"

Arrimeime a un pino verde
contando estar acollido,
menos da choiva do ceo
que do meu propio feitizo.
Pedinlle consolo ao ar
pasouse o ar fuxitivo;
pedinlle consolo ás agas
de min se arredaron rindo;
senteime á veira da mar,
¡atopeime tan cativo!
Quixen deprender coas olas,
soio deprendín sospiros;
quixen parolar coas nubes,
tan outas non me sentiron.
Aos paxaros rexoubeiros
amostreilles o meu sino,
os paxaros peteiraron
no meu corazón ferido.
Funme consellar coas pedras
vellas coma o mundo mismo,
mostráronme a sua dureza
i eu entendín o seu dito.
Canso de longo penar
arrimeime a un verde pino
e faleille: ¿Entenderás
ti meu door, irmanciño?
¡ I en troques de responder
botouse a chorar conmigo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...