domingo, 22 de maio de 2011

XOSE MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

Xosé María Álvarez Blazquez naceu o 4 de febreiro de 1915 en Tui, no seo dunha familia ligada ao mundo das letras. Co levantamento militar de 1936 ten lugar o fusilamento do seu pai, Darío Álvarez Limeses, e é postergada a súa toma de posesión como mestre na escola de Coreses. Con todo, o seu compromiso coa Galiza é firme e militará na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista; no plano cultural, participa na fundación da revista pontevedresa Cristal e en 1950 funda a editorial Monterrey, -a partir de 1967 co nome de Editorial Castrelos-, etapa en que decide a reedición d´O catecismo do labrego, da autoría de Valentín Lamas Carvajal (1849-1906), e pon en marcha a colección literaria O moucho o que permitiu a publicación de libros de baixo custo que favoreceron a difusión da cultura galega e o seu acceso a todos os públicos.
Para alén do seu traballo como investigador, cultivou a poesía, actividade que foi central na súa vida, poetizando sobre diferentes aspectos da realidade e de moi diversas maneiras. A súa produción lírica iníciase coa publicación do poemario Abril (1932), ao que seguen obras como Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950) ou Canle segredo (1976), en que se manifesta a súa madurez poética. Ademais, a publicación do Cancioeiro de Monfero en 1953 é fundamental na corrente neotrobadoresca iniciada por Fermín Bouza Brey na década de 30, tendencia moito cultivada tamén no período de posguerra. A súa obra poética completa será publicada por Xerais en 1987.
En obra narrativa destacan os relatos Os ruíns, publicado na revista Nós en 1935, e A pega rabilonga e outras historias de tesouros, publicada en 1971. Escribiu varias obras de teatro en español, traducidas ao galego postumamente. Por outro lado, o seu interese pola arqueoloxía levouno a protagonizar importantes descubertas neste ámbito, plasmadas en obras como O vencello espritoal dos Fisterres Atlánticos (1951) e Industrias paleolíticas do Baixo Miño (1952), entre moitas outras.
Divulgador, pedagogo, editor, activista da Segunda República, Xosé María Álvarez Blazquez foi un normalizador da cultura e lingua galegas ao longo de toda a súa vida. Finalmente, morreu en Vigo en 1985.
Poema "Romance do pescador peleriño"



Poema "O año pitaño"
O año pitaño
vai no Paraño.
A cabuxa luxa
marchou onda a bruxa.
O gato cegato
fuxiu ao burato.
O coello vello
anda no cortello.
O galo ralo
rubiuse no valo,
e a galiña tiña
está na cociña.
Anda, neniña,
déixaos estar,
e imos brincar
cas cunchas do mar
Poema "Era un airiño suave"
Era un airiño suave
que se ergueu pola mañán
e viña de non se sabe.
Era un recendo de rosas
da roseira de ningures,
que se meteu pola porta.
Era unha cantiga leda
que nacía non sei onde
e petaba na fiestra.
Era unha gracia sutil
que baixaba das estrelas....
Eras ti!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...