As actividades deste mes de maio contarán coa participación de varios colectivos da cidade O artista vigués Ramón Trigo será o invitado especial da sesión de animación á lectura que celebrará este venres, a partir das 18:30 horas, na libraría LIBROS PARA SOÑAR, co lema “As nosas letras, os nosos contos”. Adiantándose ao Día das Letras Galegas, que se conmemora a próxima semana, LIBROS PARA SOÑAR vai centrar o seu repertorio nos contos de autores galegos; entre eles, o titulado “O pirata pata de lata”, con texto do escritor de Cangas Xosé Manuel González ‘Oli’ e ilustracións de Ramón Trigo. A participación de Ramón Trigo consistirá nunha intervención artística, debuxando o personaxe deste libro publicado por KALANDRAKA hai xa 17 anos, no mesmo ano de fundación da editorial pontevedresa. Neste encontro, o ilustrador compartirá co público infantil algunhas anécdotas do seu amplo percorrido artístico, galardoado recentemente co Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración polo seu último libro, “Leviatán”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario