Os contos abren un enorme mundo á imaxinación e o coñecemento, para pequenos e maiores. Un momento máxico comeza cada vez que se abre un contiño, sempre!
A propostiña de Biblioteca de hoxe vai encamiñada a vivenciar esas lecturas de xeito manipulativo. Dar vida aos personaxes dalgún contiño que teñades na casa, empregando calquera recurso que estea ao voso alcance (tapóns, rolos de papel, teas, botellas...). Deixade que os peques sexan os protagonistas destas creacións, e acompañádeos durante a proposta.
Mesturamos así os MINIMUNDOS co PLACER DA LECTURA, dúas actividades que combinan moi ben e seguro que desfrutaredes un montón.
Sabedes que na escola empregamos moito as "pezas soltas" e hoxe imos utilizalas inspirándonos nas imaxes ou na historia dalgún conto.
Aquí tedes unha idea:
Que traballamos con esta actividade? Atención e escoita activa, toma de decisións, xogo simbólico, estruturación espacial e representación, motricidade fina, estimulación sensorial, linguaxe oral, vocabulario, creatividade...
Esta actividade ten varias fases:
1º Elección do conto entre os que teñades na casa
2º Lectura
3º Conversa: como podemos representar un escenario deste conto, que elementos podemos empregar, como o facemos, en que lugar o colocamos...
4º Elección dos elementos que necesitamos e do espazo que imos empregar
5º Representación
En todo este proceso: falamos, decidimos, escoitamos, seleccionamos materiais, facemos, desfacemos... xunt@s!
O máis importante non é o resultado final, senon o PROCESO: respectar a súa tarefa, deixarlles facer, acompañar mentres toman decisións e resolven conflitos que poidan xurdir, permanecer ao seu carón intervindo nos momentos que son imprescindibles, sen guiar a actividade.
Desfrutádea!
Ningún comentario:
Publicar un comentario