martes, 27 de abril de 2021

AMOR

 

                                     

"... a miña avoa fai unha raia rebozada que está boísima"

"o Amor", a emoción traballada con este conto é un sentimento difícil de definir, polo etéreo, infindo, sútil... Quizais non precisemos definila, senón sentir...
As crianzas utilizan vocábulos como: corazón, bico, aperta, quérote, unicornio...

Avós é a historia de Manuela e Manuel, dúas persoas maiores que a través dos seus actos cotiás reflicten os sinais que o devir do tempo vai deixando no seu corpo e na percepción que teñen das súas capacidades "... non che son unha nena para andar de festas".

A descripción destas pegadas representadas na figura de Manuel e Manuela convértese nunha declaración de amor, admiración, comprensión e tenrura... que remata cun baile e unha aperta entre os protagonistas.

Vivimos intres nos que as manifestacións de amor (bicos, apertas...) están limitadas ao ámbito familiar e as imaxes violentas e noticias tráxicas están instaladas nas nosas vidas. Polo que cumpre dedicarlle un espazo ao "AMOR"

Na aula das pitas/os  fixémolo cunha serie de actividades:

Lectura do conto "AVÓS". Que palabras utilizaríades para definir o amor?: baile, corazón, coidar, conectar, apoio...

- Debuxo das avoas e avós: debuxan, escriben os nomes, contan anécdotas...

- Xogar a dicir "cousas bonitas" das compañeiras/os que temos a cada lado

- Escribir cartas de Amor; dirixidas a alguén que as crianzas escollen libremente, expresando o que sinten e familiarizándose coa expresión escrita de sentimentos.

- "o panel do Amor" é un mural onde as crianzas colocan fotografías das persoas ás que queren. Decorado con símbolos e palabras que representan a emoción do amor.




- "A caixa dos tesouros": cada nena/o decora unha caixa co fin de gardar nela as súas cousas máis prezadas e aqueles obxectos que os fan pensar no amor e nas persoas que queren.



- As apertas musicais: ao son da música as crianzas desprázanse pola aula; cando a música cesa , danlle unha aperta á nena/o que teñan máis próxima/o.

- Regalamos bicos: pintan os beizos para despois estampalos nunha tarxeta que regalarán coma un bico.

- Como debuxarías o amor?: representan plasticamente o amor. Mentres realizan a actividade escoitan música relacionada con esta emoción

- Arrolámonos: por parellas cada unha/un escolle un rol (nai, pai, bebé). Buscan unha postura cómoda para abanar á criatura e que adormeza mentres escoitan unha nana. Despois intercambian os roles. Ao rematar conversamos sobre o que sentiron.

Conversamos sobre o final do conto, e as ilustracións que nel se recollen, onde se reflicten todas as vivenzas comúns da avoa/ó. Cada nena/o expresa as cousas que lle gusta facer coa xente que quere.
  • boto arroz na cazola cando mamá cociña e tamén durmo con ela
  • axudo a colocar os cereais no almorzo
  • boto de menos xogar as agarradas co meu pai
  • preparo o almorzo con mamá
  • co meu can vexo a tele
  • preparar o almorzo con mamá cando non hai escola
  • xogar coa miña prima na súa casa nova
  • sentarme ao lado de Nora
  • cando a miña nai e o meu pai veñen a buscarme á escola
  • sentarme ao lado de Neus e xogar con ela
  • pasear coa miña irmá e inventar xogos con ela
  • abrazar a mamá e que me lave os dentes
  • xogar con papá as agarradas na cama e que me ensine a xogar ao xadrez

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...