Manuel Antonio Pérez Sánchez naceu en Rianxo en 1900, mais, orfo de pai desde os catro anos, pasou a maior parte da súa infancia en Iria Flavia e Padrón. Estudou o Bacharelato en Compostela, onde entrou en contacto co republicanismo e iniciou a súa militancia galeguista. Na mesma cidade comezaría a carreira de Filosofía e Letras, que abandonou para seguir os estudos de piloto na Escola Náutica de Vigo.
Desde moi novo, a política formou parte das súas inquedanzas. Tras entrar en contacto cos movementos agraristas de loita anticaciquil, toma consciencia da realidade do país e asume un nacionalismo apaixonado. Despois de ler a vangarda europea e de coñecer o saudosismo portugués e mais o ahikú xaponés, guiado por Risco, en xuño de 1922 asinaba, xunto co artista plástico Álvaro Cebreiro, o manifesto "¡Máis alá!". Nel propugnaban o uso exclusivo do galego e a independencia da nosa literatura a respecto da española, rexeitando igualmente o estancamento da produción máis recente na tradición decimonónica.
É o poeta vangardista máis orixinal da literatura galega, cun único libro publicado en vida, De catro a catro. Follas d'un diario d'abordo (1928), que tardaría moitos anos en deixar pegadas noutras xeracións literarias.
En 1972, García Sabell deu a coñecer o resto da produción poética de Manuel Antonio: Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e mais dispois e mais Viladomar.
Manuel Antonio faleceu en 1930.
SÓS
Fomos ficando sós
Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós
Roubáronnos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco
Roubáronnos o vento
Aquel veleiro que se evadeu
pola corda floxa d' o horizonte
Este oucéano destracou d' as costas
e os ventos d' a Roseta
ouretáronse ao esquenzo
As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas d' o reloxe
Pero tamén sabemos a maniobra
d' os navíos que fondean
a sotavento d’ unha singradura
N' o cuadrante estantío d' as estrelas
ficou parada esta hora:
O cadavre d' o Mar
fixo d' o barco un cadaleito
Fume de pipa Saudade
Noite Silenzo Frío
E ficamos nós sós
sin o Mar e sin o barco
nós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario