O ilustre e polifacético intelectual Afonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao é a figura máis relevante da Historia da Galiza do século XX. Naceu en 1886 en Rianxo e, con once anos, tería de sair da súa vila para emigrar na Arxentina. De regreso a Galiza, concluíu o Bacharelato e iniciou os estudos de Medicina (1903-1909).
En 1910 comezou a traballar como médico rural na súa vila, mergullándose na política local. Concursou para entrar no Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra e gañou en 1916 unha praza de funcionario. Nesta altura Castelao é xa un artista recoñecido e o seu labor está centrado no mundo das artes plásticas: exposicións (estampas Nós) e conferencias ("Algo acerca da caricatura"). Mais tamén son anos de reflexión sobre as relacións entre a Arte e a Terra, reflexións que exporá na conferencia Arte e Galeguismo (1919) e que coallarán definitivamente despois da viaxe que, en 1921, realiza por Europa (Diarios de Arte). A partir deste momento, a plástica facilitará a entrada da literatura: Cousas da vida (1922), Cousas (1929), Os dous de sempre (1934), Retrincos (1934). No ámbito persoal, sofre a perda do fillo e o agravamento da súa doenza ocular. Nestas circunstancias marchou para a Bretaña, onde comezou As cruces de pedra na Bretaña, dada a coñecer en 1930.
Coa chegada da República e a fundación do Partido Galeguista, sumarase ao Castelao artista o Castelao político. En 1931 foi elixido deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes e defendeu en Madrid iniciativas do programa galeguista. A finais dese ano 1931 Castelao contribuíu con numerosos mitins por todo o país á unificación e consolidación do noso nacionalismo. Porén, en 1934 foi desterrado a Badaxoz, onde comezará a redixir o Sempre en Galiza. Convocadas eleccións en 1936, consegue o escano con maior número de sufraxios da provincia pontevedresa. Nos anos da guerra comprometeuse enteiramente coa defensa da legalidade republicana.
Símbolo do nacionalismo galego, desenvolveu unha actividade continua no exilio. Nos primeiros meses do ano 1949 detectóuselle un cancro no pulmón que o afastou da actividade pública. En 1950, ano en que se disolve o Partido Galeguista, falece en Bos Aires.
"Son Lois Pereiro e para empezar, voume poñer un pouco mitolóxico". Comezou así o seu recitado Lois Pereiro no verán de 1984, nun acto de homenaxe a Castelao do grupo poético De amor e desamor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario