domingo, 8 de maio de 2011

CADA DÍA, UN ESCRITOR

Durante este mes de maio, mes da lingua, irémovos dando a coñecer a vida e a obra daqueles escritores que eliximos para encher o noso Xardín das palabras e non podiamos empezar con outro que non fose Rosalía.
Rosalía de Castro é a figura máis importante do Primeiro Renacemento galego. Naceu en Santiago de Compostela, en 1837, como froito das relacións entre unha fidalga e un sacerdote. Desde ben nena pasou a vivir coa súa nai, primeiro na zona de Padrón e, a partir de 1850, en Santiago de Compostela.
En 1856 Rosalía marcha a Madrid coa intención de se dedicar profesionalmente á escrita. Alí casou con Manuel Murguía en 1858 e publicou as súas primeiras obras: o poemario La Flor (1857) e mais a novela La hija del mar (1859). Nesta última aparece xa a Rosalía feminista, a escritora que, dentro dos estreitos límites que lle impón a época, fai unha alegación en defensa dos dereitos da muller.
Rosalía e Murguía formaban parte da corrente federalista e republicana que aspiraba a un novo modelo político en que a causa galeguista tería cabida. Neste ambiente de ilusión e esperanza no futuro, Rosalía escribiu os Cantares gallegos, cuxa publicación, en 1863, marcou o inicio do Primeiro Renacemento.
Rosalía era por entón unha escritora profesional que colaboraba con regularidade en diversas publicacións, mentres atendía ás obrigas familiares que a levaron a residir unhas veces en Castela (Madrid e Simancas) e outras en Galiza (Lugo, Compostela, A Coruña, Padrón), onde ficará definitivamente na década dos 70.
A máis relevante escritora das nosas letras tivo que publicar o seu derradeiro poemario galego, Follas Novas (1880), na Habana e Madrid.
O cancro acabou coa vida de Rosalía en 1885, non sen que antes deixara unha importantísima obra en español, poética (En las orillas del Sar) e narrativa (El primer loco, Ruinas, El caballero de las botas azules.
No centenario da publicación de Cantares Gallegos, a Real Academia Galega consagrou o 17 de Maio á celebración do Día das Letras Galegas, que lle foron dedicadas a Rosalía na súa primeira edición. Os restos da nosa máis insigne escritora repousan no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.

Agora, cabelos negros

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...