sábado, 14 de maio de 2011

RAMÓN CABANILLAS

Ramón Cabanillas Enríquez naceu en Cambados no ano 1876. Incansábel lector, foi un autor decididamente monolingüe, de grande proxección pública, que xogou un papel determinante na superación dos moldes do Primeiro Renacemento malia comezar a publicar a idade avanzada. Con trinta e catro anos emigrou a Cuba, onde residiu entre 1910 e 1915. Na Habana publicou No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).
O compromiso co proxecto das Irmandades da Fala levouno a colaborar asiduamente en A Nosa Terra, converténdose na voz lírica do movemento. Inicialmente próximo a posturas tradicionalistas, axiña partillou as teses de Vicente Risco, cuxo proxecto estético e cultural influiría decididamente na súa produción posterior. Foi aclamado como Poeta da Raza e utilizou os seus poemas ao servicio da construción nacional, abandonando os ecos intimistas presentes na súa primeira poesía. Así, en Da terra asoballada (1926) e nas novas edicións dos poemarios publicados na Habana, Cabanillas mantivo unha actitude educadora. Pretendeu conscienciar o pobo e achegalo ao nacionalismo. Con estes mesmos obxectivos redixiu, a instancias de Antón Vilar Ponte, a peza dramática A man de Santiña (1921). En colaboración con el comporía en 1926 a traxedia histórica O mariscal.
Tamén en 1921 viu a luz o poemario Na noite estrelecida, onde reelabora mitos do ciclo artúrico. Porén, recuperou o lirismo intimista en 1927 no poemario amoroso A rosa de cen follas.
En 1920 foi elixido membro da Real Academia Galega, onde leu un discurso titulado "A saudade nos poetas galegos". En 1929 faría o propio na Real Academia Española cun ensaio sobre Eduardo Pondal. Instalado en Madrid desde a súa incorporación a esta institución, o poeta atravesou un longo período de silencio que rompería a finais da década dos 40 con Camiños no tempo. Comeza entón unha nova etapa en que viron a luz Antífona da Cantiga (1951), Da miña zanfona (1954), Versos de alleas terras e tempos idos (1954) e Samos (1958), o seu último libro publicado en vida. Faleceu en Cambados en 1959.
Cabanillas conduciu a nosa poesía cara á modernidade e a súa obra foi considerada desde os primeiros momentos dentro do canon da literatura galega.

Poema "Probiña da Tola!"

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...