lunes, 30 de mayo de 2011

A MOCHILA VIAXEIRA TAMPOUCO PARA

Estamos a acabar o curso pero aínda lle quedan a tres ou catro personas, a sorte de levar todos os libros que lle collan na mochila. Desta vez tocoulle a Ana. Quen será a/o próxim@?.

domingo, 29 de mayo de 2011

AMADO CARBALLO

Luís Gustavo Amado Carballo figura, xunto con Manuel Antonio e Luís Pimentel, entre os protagonistas da renovación poética do primeiro tercio do século XX. Naceu no ano 1901 en Pontevedra, vila da que nunca se ausentaría por moito tempo e cuxa paisaxe é un referente continuo nos seus versos. Estudou o Bacharelato no Instituto do seu lugar natal e, tras cursar dous anos de Filosofía e Letras na universidade compostelá, regresou a Pontevedra para seguir a carreira de Maxisterio. Durante a súa curta vida, Amado Carballo exerceu como mestre de escola e xornalista, profesións que lle garantiron poder dedicarse sen preocupacións económicas á súa obra de creación.
Co obxectivo de traballar como xornalista, Amado Carballo partiu para Madrid en 1920, onde colaborou no xornal La Tribuna, na revista España e noutras publicacións españolas e galegas. Mais decidiu voltar á súa cidade de orixe e, desde Pontevedra e Vigo, continuar a escribir para diferentes medios galegos (Progreso, La Concordia, El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, Nós, Vida Gallega, etc.).
A pesar de ser recordado fundamentalmente como poeta, o pontevedrés iniciou a súa andaina na literatura como narrador, coas novelas curtas Maliaxe (1922) e mais Os pobres de Deus (1925), e o conto Un milagre do santo San Francisco.
En 1924, Amado Carballo contrae unha tuberculose pulmonar, o que o forza a abandonar o seu traballo xornalístico en Vigo e retornar a Pontevedra. A súa obra lírica comprende dous poemarios, Proel (1927) e mais O galo (1928). De todos os xeitos, foi un dos poetas que máis influíu nas xeracións posteriores. Está considerado como o creador da denominada escola imaxinista ou hilozoísta.

Poema "O Magosto"

No serán agoniante
bandadas de ceibes pombas
van alalás polo ceo
en procesión rumorosa.
O río ferido
sangra encol da ría
un roxo sospiro.
Na fogueira dos magostos
queimárase un aturuxo
que se caira das nubens
abafado polo fumo.
Outono frieiro,
ollos amarelos
que choran no vento.
Saloucan lentas campanas
baixo o ceo neboento
cantando o dor da paisaxe,
o planto do sol funéreo.
Lembranzas dos mortos
sementan na terra
coroas de ouro.
Os ourizos arregañan
Os dentes cor de caoba,
Nas púas dos seus cabelos
Neverdece unha luz nova.
A noite marmórea
tende as súas azas
de tebras bafosas.

Poema "O Galo"

Abrell’as portas ao día
co-a chave do teu cantar
que xa na fonte da Lua
está lavada a mañán.
Bótall’o teu aturuxo
a paisaxe dend’o val
qu’o gran balbo das estrelas
cairá serodio no mar.
O campo cheo de frío
busca un anaco de sol,
alcéndelle unha fogueira
co lume da tua voz.

sábado, 28 de mayo de 2011

CARLOS CASARES

Carlos Casares Mouriño naceu no ano 1941 en Ourense, cidade que deixaría unha fonda pegada na súa obra. Estudiou Filosofía e Letras en Santiago de Compostela. Exerceu a docencia desde 1969, en Viana do Bolo, Bilbao, Cangas do Morrazo e Vigo. Nesta cidade faleceu o 9 de marzo de 2002.
Comezou a súa carreira literaria moi novo, pois en 1965 publicaba os seus primeiros relatos na revista Grial. É xa tradición entre a crítica falar de dúas etapas na produción narrativa de Carlos Casares. Unha primeira, caracterizada no plano temático pola ambientación das obras no período franquista e a utilización de elementos autobiográficos, e no plano formal polo emprego de técnicas narrativas innovadoras (monólogo interior, ruptura temporal...). Debido a isto último algúns estudosos encadran a súa obra dentro da denominada Nova Narrativa, aínda que Casares non parecía gustar desta adscrición. As obras máis representativas deste período son Vento ferido (1967), que é un conxunto de doce relatos, e a novela Cambio en tres (1969).
En 1975 publicou Xoguetes pra un tempo prohibido, novela pola que recibiu o premio Galaxia e mais o Premio da Crítica española. Esta obra, que reflicte a infancia e a adolescencia dos protagonistas na España franquista da posguerra, cerra a primeira etapa da súa produción e marca a transición á seguinte. Na segunda etapa, Casares abandona o experimentalismo formal e recupera formas tradicionais de contar, ao tempo que elimina as pegadas autobiográficas. Nas primeiras obras desta etapa recrea, tinxidos de humor e ironía, períodos históricos máis recuados no tempo: Os escuros soños de Clío (1979, Premio da Crítica galega) e a deliciosa noveliña Ilustrísima (1980). Porén, nas súas últimas novelas, Casares voltou sobre a nosa historia recente, sobre o ambiente das vilas galegas na guerra e na posguerra: Os mortos daquel verán (1987) e Deus sentado nun sillón azul (1996). Como narrador ocupa un lugar indiscutíbel na historia da literatura galega.
Ademais da súa condición de novelista, Casares cultivou a literatura para nenos con obras como A galiña azul (1968) ou a peciña dramática As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973, Premio "O Facho"). Tamén hai que salientar o seu papel como biógrafo de Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enriquez, Ramón Piñeiro, Vicente Risco, Ánxel Fole... e como derradeira biografía doutro literato, a do Padre Sarmiento. Do seu labor como ensaísta podemos citar Hemingway en Galicia (1999) ou Un país de palabras (1998). A Xunta de Galicia recoñeceu o seu enorme labor concedéndolle, en 1989, o premio á creación cultural.
Colaborador habitual, durante catorce anos, da prensa coa columna "A marxe", en La Voz de Galicia, Casares recibiu tamén os premios de xornalismo "Fernández-Latorre", en 1983, e o "Julio Camba", en 1995. Algúns destes artigos foron recompilados no volume Na marxe de cada día (1994).
Ingresou na Real Academia Galega en 1978, foi deputado polo PsdeG-PSOE en 1981, dirixiu a Editorial Galaxia, a revista Grial, e presidiu o Consello da Cultura Galega desde 1996.

Teatro Infantil "As laranxas mais laranxas de todas as laranxas"

viernes, 27 de mayo de 2011

MÉNDEZ FERRÍN

Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938). Doutor en Filoloxía e catedrático de Literatura no Instituto Santa Irene de Vigo. Preparou a edición crítica do Cancioneiro de Pero Meogo (1966) e como ensaísta publicou De Pondal a Novoneyra (1984). Colaborador no Faro de Vigo e director da revista A Trabe de Ouro. Membro do grupo literario nacionalista Brais Pinto.
Deuse a coñecer como poeta coa obra Voce na néboa (1957), á cal seguiron Antoloxía popular (1972), asinado co heterónimo de Heriberto Bens; Sirventés pola destrucción de Occitania (1975); Con pólvora e magnolias (1977), Premio da Crítica; Poesía enteira de Heriberto Bens (1980); O fin dun canto (1982); Erótica (1992) e Estirpe (1994), Premio Losada Diéguez, 1995.
Como narrador publicou: Percival e outras historias (1958); O crepúsculo e as formigas (1961); Arrabaldo do norte (1964); Retorno a Tagen Ata (1971); Elipsis e outras sombras (1974); Antón e os inocentes (1976); Crónica de nós (1980); Amor de Artur (1982); Arnoia, Arnoia (1985); Bretaña Esmeraldina (1987), Premio da Crítica de Galicia, 1988; Arraianos (1991), Premio da Crítica de Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Crítica Española, e No ventre do silencio (1999), Premio Eixo Atlántico.
En 1999 foi candidatado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega para o Premio Nobel de Literatura. Dende o 30 de setembro de 2000 é membro da Real Academia Galega, da que é presidente dende xaneiro do 2010.

Poema "Conto"


Poema "Reclamo a liberdade pró meu pobo"

jueves, 26 de mayo de 2011

EDUARDO BLANCO AMOR

Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense no ano 1897. Fillo menor dunha familia modesta e autodidacta desde a infancia, en 1915 entrou como secretario de dirección en El diario de Orense. Antes de emigrar á Arxentina en 1919, participou no ambiente literario da cidade das Burgas e coñeceu o maxisterio de Risco, fundamental no seu posicionamento militante en defensa da causa galega e da universalidade da nosa literatura. Instalado en Bos Aires, proseguiu a súa formación en contacto coa vida cultural da emigración e con intelectuais e artistas do continente. En 1923 fundou con Isla Couto a revista galega Terra e, tres anos máis tarde, ingresou na redacción do diario La Nación. A súa carreira literaria comezou en 1928 coa publicación de Romances Galegos. Neses anos realizou dúas viaxes á Península como correspondente de La Nación. Na primeira (1929-31) trabou contacto con Castelao, así como con varios intelectuais do Partido Galeguista e do Grupo Nós. Aquí escribiu Poema en catro tempos (1931), longa composición sinfónica de filiación vangardista que publicaría na Arxentina. Xa en Bos Aires, Otero pediulle que colaborase na revista Nós, onde Blanco Amor publicou, ademais de poemas, tres capítulos de A escadeira de Jacob, novela inconclusa. Na segunda estadía (1933-35), coñecería algúns dos membros da Xeración do 27 española.
Tras o levantamento militar, defendeu desde a Arxentina a legalidade prebélica e o Estatuto de Autonomía e impulsou o espallamento da nosa literatura no continente americano. Porén, até o ano 1956, en que publica Cancioneiro, a súa produción literaria estivo redixida en español, nun intento fallido de se integrar na cultura española.
Antes de abandonar definitivamente América, Blanco Amor publicou A Esmorga (1959), libro que se constituiría nun dos grandes fitos da renovación da narrativa galega.
Xa de volta en Galiza, regresa tamén á cultura e a lingua galegas, dando ao prelo outra obra de enorme éxito: Os biosbardos (1962). Aínda que se viu ignorado pola oficialidade cultural, que o animara a regresar para despois desamparalo, literariamente viviu os seus anos máis fecundos. Tras publicar unha nova edición de A Esmorga (1970) e a longa novela Xente ao lonxe (1972), centrou a súa produción no teatro (Farsas para Títeres, 1973; Teatro pra a xente, 1975) e interviu no intenso debate teatral do momento.
Morreu en Vigo en 1979.

"Os Biosbardos"

"Meu pai, desquitándose, púxolle unha carta, devolvéndolle a pasaxe, que finaba así: “E non é do caso que o meu fillo, que dentro do que nos podemos, endexamais fixo vida de segunda, teña que dar comezo a ese porvir que tan abondoso pintas facendo vida de terceira”.
Meu pai tiña talento. Eu pelexei moito con el, pero nunca dubidei do seu talento. A proba é que pasaron os anos e non me fun a par do meu tío, a facerme rico limpándolle as cañerías os americanos, a falar da liberdade coa alma encadeada para decote, sen remedio…
Miña nai ainda amolecía lendo algunhas cartas. Meu pai, nunca. As nais son moi boas, pero pensan en demasía no noso porvir. Moitas veces, a forza de pensar tanto no noso porvir, déixan-nos sen presente."


Poesía "Romance do Feitizo do Amor"

Arrimeime a un pino verde
contando estar acollido,
menos da choiva do ceo
que do meu propio feitizo.
Pedinlle consolo ao ar
pasouse o ar fuxitivo;
pedinlle consolo ás agas
de min se arredaron rindo;
senteime á veira da mar,
¡atopeime tan cativo!
Quixen deprender coas olas,
soio deprendín sospiros;
quixen parolar coas nubes,
tan outas non me sentiron.
Aos paxaros rexoubeiros
amostreilles o meu sino,
os paxaros peteiraron
no meu corazón ferido.
Funme consellar coas pedras
vellas coma o mundo mismo,
mostráronme a sua dureza
i eu entendín o seu dito.
Canso de longo penar
arrimeime a un verde pino
e faleille: ¿Entenderás
ti meu door, irmanciño?
¡ I en troques de responder
botouse a chorar conmigo!

miércoles, 25 de mayo de 2011

EDUARDO PONDAL: A LETRA DO HIMNO GALEGO

Eduardo María González-Pondal Abente, unha das máximas figuras, xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez, do noso Primeiro Renacemento literario, naceu en 1835 na Ponteceso, comarca de Bergantiños. En 1848 instalouse en Santiago para cursar o Bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira de Medicina. No compostelán Liceo de la Juventud coñecerá a Rosalía, Murguía e Rodríguez Seoane, con quen partillará inquedanzas culturais.
Tras licenciarse en Medicina en 1860, Pondal estableceuse en Ferrol como médico da Armada Española. Neste ano saiu á luz no Álbum de la Caridad "A campana de Anllóns", o seu primeiro poema en galego. Un ano máis tarde preparou oposicións en Madrid para ingresar no corpo de Sanidade Militar, mais, tras conseguir un posto en Asturias, deixou a praza e abandonou de maneira definitiva a profesión médica. Desde entón dedicouse por completo ao cultivo da poesía. Instalado desde entón na súa vila natal e na Coruña, Pondal contactou co hipotético pasado celta da Galiza na tertulia da Libraría Carré, alcumada "Cova Céltica", e accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James Macpherson. Pondal asumirá entón o papel de "bardo" da nación galega, exercendo como guía e intérprete da rota a seguir.
No ano 1877 saíu do prelo Rumores de los pinos, un conxunto de vinte e un poemas en galego e español que servirá de base a Queixumes dos pinos (1886). Esta obra recupera da versión bilingüe as composicións en galego, inclúe aínda algúns dos poemas en español agora traducidos e coñecerá diversas ampliacións nas edicións seguintes. "Os pinos", xurdido das sucesivas reelaboracións de Rumores de los pinos, conformará o himno galego, con música de Pascual Veiga.
Pondal, poeta oficial do movemento rexionalista, encamiñará a súa obra á recuperación da lingua e da cultura galegas e á decidida defensa da liberdade do noso pobo. A súa escrita, fundamentalmente épica, irá en procura de mitos autóctonos que chamen á colectividade galega para comprometela co seu futuro. O bergantiñán vai cantar as xestas dos heroicos celtas galegos. Mais Pondal é tamén un excelente cultivador da poesía lírica, recreando unha paisaxe agreste inspirada nas terras de Bergantiños. Xunto coa natureza, a muller configurarase como unha das chaves da súa produción lírica. No plano lingüístico, Pondal procurou a dignificación do idioma fuxindo do estilo populista da época e incorporando diversos cultismos aristocratizantes no léxico e na sintaxe. O trazo máis acusado da súa personalidade literaria foi, sen dúbida, a clara consciencia da dimensión artística da súa obra que o levou a revisar constantemente as súas creacións, mesmo as xa publicadas. Neste sentido, non resulta estraño que de Os Eoas, un extenso poema épico baseado na descuberta do continente americano, o autor só publicase un primeiro esbozo en 1858.
Eduardo Pondal falece na Coruña no ano 1917 e repousa desde entón no cemiterio de San Amaro

Poema "Os Pinos"


Poema "Falade Galego"

martes, 24 de mayo de 2011

XIZ DE COR

Na biblioteca topamos este libro de poemas e entre os 14 poemas que compoñen o libro, obra de Xoan Neira con ilustracións de  Mariana Riestra, estaba este dun tren que como tiñamos por seguro que a un dos nosos alumnos da clase de 5 anos lle iba encantar, démosllo para que nolo recitase.


MARÍA MARIÑO

María Mariño Carou naceu en Noia o 8 de xuño de 1907. De familia humilde, -era a segunda de cinco irmáns-, deixou moi nova a escola para exercer como costureira. As prementes necesidades económicas en que vive a súa familia obrígana a se trasladar ao Pazo de Goiáns, en Escarabote (Boiro), onde morou un tempo cunha súa tía que traballaba como costureira. É precisamente esta circunstancia a que lle permite entrar en contacto coa literatura escrita, na magnífica biblioteca de que o pazo dispón, accedendo a lecturas con que enriquecerá a súa formación e sensibilidade.
A autora noiesa vive parte da guerra civil española en Algorta (Biscaia), e posterioremte escribirá, produto das lembranzas desta traxedia, o relato inédito “Los años pobres. Memoria de guerra y posguerra“. Finalizada a guerra civil contrae matrimonio con Roberto Posse Carballido, destinado ao País Basco pola súa profesión de mestre. Alí tiveron un fillo, que faleceu ao mes e medio de nacer. Esta morte, á que se uniu a da súa nai, provocaría en María Mariño unha fonda depresión nerviosa. De regreso á Galiza e tras un tempo en Arzúa, instaláronse no Courel, primeiro en Romeor e posteriormente en Parada.
En 1953 coñeceu a Uxío Novoneyra, quen se convertiría nun forte estímulo para María Mariño comezar a escribir e a través do que superaría o illamento en que vivía, entrando en contacto con outros escritores como Manuel María, Domingo García Sabell, Victoria Armesto, Sixto Seco, Augusto Assía ou Ramón Piñeiro. No entanto, a súa relación con persoas vinculadas ao ámbito cultural galego son escasas e en grande parte promovidas por Novoneyra. En 1963, a editorial Celta de Lugo publica Palabra no Tempo, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo, e só vinte e sete anos despois coñeceremos Verba que comenza (1990), con poemas escritos nos últimos meses de vida. Á métrica tradicional do primeiro poemario sucederase o versolibrismo en Palabra no Tempo, cunha constante ao longo de toda a súa traxectoria: intimismo radical e liguaxe rupturista.
María Mariño morre o 19 de maio de 1967 como consecuencia da leucemia que padecía, converténdose nunha figura literaria de enorme orixinalidade na historia das nosas letras.

Poema "Tiven medo de vogar"
(adicado a un neno do ano pasado que tan ben o recitou , Lois)


Poema "Está caendo a folla i en min nace a primavera"

¿Quen entenderá este mar vello?
¿Como digo onte sendo hoxe?
¡Como farto a miña verba do nacer que xa pasou!
¡Como reino nas migallas onde medrei un bon día!
¿Como piso forte sendo branda?
¿Como digo si si non está escoitando?
¿Quen entenderá este mar vello?
Medro, medro e non sei onde parar.
Presa xa e ceguiña no cume
lévame,
lévame ó chan a verba.
Queda hoxe o chan soio
muxindo a pegada do tempo.
Mesturadas terras penetran, peneiran fariña,
fariña que non fai masa.
Rebélanse as ondas ós mares,
os ríos afogan a pradeira seca,
os camiños non se atopan.
¿Quen entenderá este mar vello?
É outono i en min nace primaveira.
¿Quen o entenderá?

lunes, 23 de mayo de 2011

XOSÉ NEIRA VILAS

Xosé Neira Vilas naceu en novembro de 1928 en Gres (Vila de Cruces), Pontevedra. En 1949 emigra a Buenos Aires, onde desempeña traballos diversos. Realiza estudios de comercio, música, xornalismo, literatura. Toma conciencia da identidade de Galicia, en contacto, sobre todo, cos intelectuais do exilio: Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela. Desenvolve un intenso activismo cultural galego. Secretario Xeral das Mocedades Galeguistas e co-director do periódico Adiante. Participa na comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega. Casa en 1957 con Anisia Miranda, cubana. Xuntos fundan a organización libreiro-editorial "Follas Novas" para difundir o libro galego en América. Publica en 1960 o poemario Dende lonxe, e en 1961 a novela Memorias dun neno labrego. Nese mesmo ano, 1961, Neira e Anisia van residir a Cuba.
En 1969 funda a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vintedous anos. Dende 1983 ata que se xubilou, desempeñouse como redactor-xefe da revista infantil Zunzún. Nos trinta e un anos que viviu en Cuba escribiu a maior parte da súa obra literaria. Na Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presencia da emigración galega neses e noutros países de América, e deu a coñecer diversos libros arredor do tema. Radicouse, con Anisia (escritora e xornalista) en Gres, na aldea natal, onde preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas.
Foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña. É membro numerario da Real Academia Galega. Premio da Crítica Española (narrativa) e Premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas.

"Memorias dun neno Labrego"



Poema "O boneco de palla"

ÁLVARO CUNQUEIRO/MIL PRIMAVERAS MÁIS

Sendo Maio, lembrando o centenario do nacemento dunha das mais grandes luminarias da Literatura Galega, como non habíamos de deixar no noso blogue un dos discursos mais famosos de Álvaro Cunqueiro; este sentido discurso que pronunciou nunha homenaxe ao escritor e que tivo lugar en Vigo.

Louvado seña Deus
porque me permitiu nacer, medrar, facerme home e agora
envellecer neste grande reino que chamamos Galicia; neste
grande reino do Fisterre que vai desde os montes ata o mar, onde
 brillan os pés do vento; este país dos dez mil ríos, do vello camiño
 das peregrinacións, este país dos mil vales, este país fermoso e
 eternamente verde, Patria querida, a terra no senso barresiano:
 as patrias son a terra e os mortos.
Gracias a Deus por este Reino.

Louvado seña Deus tamén por terme dado o don da fala.
Por terme ensinado a dicir "rula" e "abidueira" e "dorna" e "ponte"
e "fonte",
e entón eu sabendo estas palabras era verdadeiramente dono
da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte.

As miñas invencións, e as miñas maxias teñen embargante
un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago,
eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase,
porque a duración da fala é a única posibilidade
de que nós duremos como pobo.

Eu quixen que Galicia continuase, e ó lado da patria terreal,
da patria que son a terra e os mortos,
hai esta outra patria que é a nosa fala.


Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio
, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida:
 "eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase 
MIL PRIMAVERAS MÁIS

MOCHILA VIAXEIRA

Hoxe mesmo devolveu Noemi a mochila e axiña como un raio fixemos un sorteo para que , esta vez, Teo leve todos os libros que collen nese "mochilón". Se non me trabuco foron nove libros. Así que xa ten tarefa e lecturas para tempo.

domingo, 22 de mayo de 2011

XOSE MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

Xosé María Álvarez Blazquez naceu o 4 de febreiro de 1915 en Tui, no seo dunha familia ligada ao mundo das letras. Co levantamento militar de 1936 ten lugar o fusilamento do seu pai, Darío Álvarez Limeses, e é postergada a súa toma de posesión como mestre na escola de Coreses. Con todo, o seu compromiso coa Galiza é firme e militará na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista; no plano cultural, participa na fundación da revista pontevedresa Cristal e en 1950 funda a editorial Monterrey, -a partir de 1967 co nome de Editorial Castrelos-, etapa en que decide a reedición d´O catecismo do labrego, da autoría de Valentín Lamas Carvajal (1849-1906), e pon en marcha a colección literaria O moucho o que permitiu a publicación de libros de baixo custo que favoreceron a difusión da cultura galega e o seu acceso a todos os públicos.
Para alén do seu traballo como investigador, cultivou a poesía, actividade que foi central na súa vida, poetizando sobre diferentes aspectos da realidade e de moi diversas maneiras. A súa produción lírica iníciase coa publicación do poemario Abril (1932), ao que seguen obras como Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950) ou Canle segredo (1976), en que se manifesta a súa madurez poética. Ademais, a publicación do Cancioeiro de Monfero en 1953 é fundamental na corrente neotrobadoresca iniciada por Fermín Bouza Brey na década de 30, tendencia moito cultivada tamén no período de posguerra. A súa obra poética completa será publicada por Xerais en 1987.
En obra narrativa destacan os relatos Os ruíns, publicado na revista Nós en 1935, e A pega rabilonga e outras historias de tesouros, publicada en 1971. Escribiu varias obras de teatro en español, traducidas ao galego postumamente. Por outro lado, o seu interese pola arqueoloxía levouno a protagonizar importantes descubertas neste ámbito, plasmadas en obras como O vencello espritoal dos Fisterres Atlánticos (1951) e Industrias paleolíticas do Baixo Miño (1952), entre moitas outras.
Divulgador, pedagogo, editor, activista da Segunda República, Xosé María Álvarez Blazquez foi un normalizador da cultura e lingua galegas ao longo de toda a súa vida. Finalmente, morreu en Vigo en 1985.
Poema "Romance do pescador peleriño"



Poema "O año pitaño"
O año pitaño
vai no Paraño.
A cabuxa luxa
marchou onda a bruxa.
O gato cegato
fuxiu ao burato.
O coello vello
anda no cortello.
O galo ralo
rubiuse no valo,
e a galiña tiña
está na cociña.
Anda, neniña,
déixaos estar,
e imos brincar
cas cunchas do mar
Poema "Era un airiño suave"
Era un airiño suave
que se ergueu pola mañán
e viña de non se sabe.
Era un recendo de rosas
da roseira de ningures,
que se meteu pola porta.
Era unha cantiga leda
que nacía non sei onde
e petaba na fiestra.
Era unha gracia sutil
que baixaba das estrelas....
Eras ti!

A CAMPÁ DA LÚA (17 DE MAIO, SEMPRE)

Había unha vez... unha princesa triste, unha campa da Lúa, un país encantado, unha tal dona Parrula, un serrín de colores, a casiña dun anano, unha cerdeiriña, o gato Honorato...E había outra vez...un fermoso libro de poemas para nenos escrito pola poetisa Helena Villar Janeiro e con ilustracións de Ánxeles Ferrer.
E tamén están os nosos nenos recitando un dos poemas do libro:

CANCIÓN DA SEDE
Unha cerdeiriña
botouse a voar
co cuco, co pombo
e co paspallás.

Voaron moi alto
no medio do ceo
por entre o sol de ouro
e a flor do romeo.

Sentiron a sede
no medio do voo
e tomaron zume
de cereixa en flor.

Cando xa era noite
fóronse deitar
á cama do vento
con sabas de mar.

sábado, 21 de mayo de 2011

O CROCODILO (17 DE MAIO, SEMPRE)

Unha actividades que queriamos realizar para este terceiro trimestre,  a medida que os nen@s de 5/6 anos ían acadando unha axeitada madurez, era que eles mesmos fosen encargándose das sesións de contacontos cos seus compañeiros mais pequenos. O resultado foi éste, xa vedes o atentos que están os mais pequechos e o ben que resultou a actividade. 
O libro forma parte da coleción "Da Cuna ao Berce" cos que segueremos traballando en proximos contacontos.

RAMÓN OTERO PEDRAYO

Don Ramón Otero Pedrayo naceu en 1888 en Ourense, no seo dunha familia fidalga, culta e liberal. Cursou o Bacharelato en Ourense e a licenciatura en Dereito e Filosofía e Letras en Madrid. De volta á súa cidade natal pasou a ser unha das figuras máis dinámicas do ambiente cultural do Ateneo, xunto con Vicente Risco, Florentino Cuevillas e Primitivo Rodríguez Sanjurjo. Con este grupo, completamente desligado da cultura e política galegas, Otero dará os seus primeiros pasos na literatura, intervindo na redacción da revista La Centuria (1917-1918). Pouco despois, a instancias de Antón Losada Diéguez, o  grupo tomaba consciencia da problemática do país e ingresaba nas ringleiras do galeguismo. En 1919, Otero gañou as oposicións a cátedras de ensino medio e axiña foi destinado ao Instituto de Ourense. A partir de agora vai dedicarse ao cultivo das nosas letras nos ámbitos máis diversos, distinguíndose como un dos máis insignes polígrafos galegos. Colabora en diferentes xornais e revistas, desenvolve unha intensa actividade na sección de Xeografía e Historia do Seminario de Estudos Galegos e principia o seu labor como escritor. A súa primeira obra narrativa foi a novela curta Pantelas, home libre (1925), á que seguirán Os camiños da vida, Arredor de sí, A romaría de Xelmirez... Tamén cultivou Otero o relato breve e o ensaio, fundamentalmente de carácter histórico, xeográfico e literario, ao tempo que se revelaba como orador de extraordinarias cualidades, espontáneo e exuberante.
Participa na fundación do Partido Galeguista e sae elixido, en 1931, deputado das Cortes Constituíntes. No seo do Partido, Otero situábase ideoloxicamente no bando conservador, mais acatou a decisión da maioría cando esta optou pola integración na Frente Popular. Ao comezar a guerra civil, a pesar do seu talante conservador e relixioso, Otero foi expedientado, cesado como catedrático de instituto e retirouse á casa familiar de Trasalba. Desde alí colaborou puntualmente na prensa americana, en publicacións madrileñas e catalanas e, xa a mediados da década de corenta, con maior asiduidade en diferentes xornais galegos.
En 1949 foi restituído na súa cátedra de Instituto e no ano seguinte gañou a cátedra de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Participou tamén na fundación da Editorial Galaxia, para a que entregará a colección de relatos Entre a vendima e a castiñeira e numerosos traballos que foron publicados na revista Grial.
Na capital galega vai morar ata 1958, etapa na que servirá de guía á mocidade galeguista que está a xurdir nos ambientes universitarios e contribuirá á súa vertebración. No momento do seu falecemento, en 1976, era considerado unanimemente o patriarca das letras galegas, creador dunha vasta e plural obra literaria e ensaística, e un grande exemplo da resistencia galeguista na longa etapa da ditadura. Home dunha vastísima cultura, Ramón Otero Pedrayo integra, con Risco, Castelao e Losada Diéguez, o denominado Grupo Nós.

Poema "Himno ao Xamón"

 Groria do porco, frol da invernía,
sona da casa, lapa de carne
Xamón.
Densidá ilustre da cena sabia,
gracia e potencia, rosa do pote,
Xamón.
Coallo dos froitos todos da terra,
labio fresqueiro, mantenza antiga,
Xamón
Febra xugosa, rica canteira onde
se curtan limpos poliedros
Xamón.
Benedictina fartura ilustre de Oseira e
Samos, coartel famoso,
Xamón.
Rei da lareira, carne petrucia, da Raza
esgrevia gardas o zume,
Xamón.
De rica alquímia Summa suprema,
Fariña, poma. Landra, castaña.)
Xamón,
Sal do fumeiro, na noite negra
do viño en xerra irmán doado,
Xamón
Pai das artritis, das esclerosis .
fildalgas doenzas do pazo antergo,
Xamón.
Tentación dura pra o anacoreta,
coor de meixela, carne de lume,
Xamón.
Do chan galego tes a dozura
se a meias coces con fachas secas,
Xamón
Sono adoecido do triste abstemio
farto de berzas, todo augachirle,
Xamón,
Pra tí frolecen os soutos vellos,
medran as hortas, madura o nabo,
Xamón.
Para gabarte cantóu Homero,
brilas no hexámetro, manxar heroico
Xamón
Liturxias vellas impós ós fieis
aristocrática, feudal mantenza,
Xamón
Coma o pescado roxo e sabroso
amoleciches ó funcionario,
Xamón
Do norte xiado veu pra buscarte
o loiro suevo fillo da guerra,
Xamón.
Da xente aria vella mantenza,
na túa presencia trema o Semita,
Xamón.
Triste xudeu farto de ovella
morre de envexa pola túa groria,
Xamón.
Criado con calma, mimo, coidado,
da esencia do agro síntesis rara,
Xamón.
Mentras o fígado come o escolante,
ríllate ancioso o forte abade,
Xamón
Tes en Caldelas forte crianza
na neve xiada das cumes outas,
Xamón.
Dacón por ti goza de sona
de ser Porcópolis, Chicago noso,
Xamón.
Papa das carnes, cardealicio,
archimandrita da limpa mesa,
Xamón.
Homildemente a tí chegamosos
pelingrinos, fartos de légoas,
Xamón.
E no teu gosto fresco e potente
teñen consolo as nosas fames,
Xamón.
¡Rei da mantenza, sol do fumeiro,
que sempre agardes nosa chegada
Xamón.


viernes, 20 de mayo de 2011

VICENTE RISCO

Vicente Risco naceu en Ourense, en 1884, licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago en 1906, tras o cal exerceu a súa profesión na súa vila natal, mais deixou este traballo para cursar os estudos de Maxisterio en Madrid, con que obtivo a cátedra de Historia na Escola Normal de Ourense en 1916.
En 1917 fundou con Arturo Noguerol a revista literaria La Centuria, ao ano seguinte, todo o grupo de La Centuria manifestou o seu compromiso co galeguismo contactando, a través de Antón Losada Diéguez, coas Irmandades da Fala. Esta evolución ideolóxica ficou plasmada no ensaio Nós, os inadaptados (1933).
Risco desenvolveu un labor fundamental a prol da recuperación e dignificación da cultura galega, preocupación que o levou a atender a múltiples frontes, desde aconsellar e guiar a nova xeración até se transformar no ideólogo do nacionalismo co ensaio Teoría do nacionalismo galego. Foi fundador da revista Nós e colaborou no Seminario de Estudos Galegos. Iniciou a súa andaina como narrador no ámbito da novela curta (Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros, 1919; O lobo da xente, 1925,...) para seguir cunha novela fundamental na literatura galega, O porco de pé (1928). Mais tamén cultivou todos os outros xéneros: teatro, poesía e, sobre todo, o ensaio. En 1930 Risco realizou unha viaxe como bolseiro co fin de se achegar á etnografía centroeuropea. De regreso publicou "Da Alemaña" na revista Nós, un conxunto de artigos que serán compilados posteriormente en Mittleleuropa (1934), onde se pode apreciar a súa postura ideolóxica, cada vez máis tradicionalista.
A súa aportación máis destacada dentro do Partido Galeguista foi a creación e posterior escisión da Dereita Galeguista. Durante a guerra foi un afervoado cantor dos fascistas sublevados. En 1945 marchou a Madrid, mais voltou definitivamente para Ourense en 1948. Son anos en que Risco está centrado na súa carreira como escritor español. De todos os xeitos, a instancias dos seus vellos camaradas, baixo o título de Leria, publicou en 1961 unha escolma de traballos filosóficos, críticos e literarios, redixidos na nosa lingua entre 1920 e 1955.
Tras a súa morte, acaecida en 1963, a multifacetada e controvertida personalidade de Vicente Risco continuou a exercer unha forte fascinación, e a súa obra investigadora, ensaística, crítica, etnográfica e literaria foi obxecto de numerosos estudos.

Fragmento "Leria" (1965)

"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo. Cada terra é como se fose o mundo enteiro. Poderala andar en pouco tempo do norte para o sur, do leste para o oeste noutro tanto; poderala volver andar outra vez e máis: non a has dar andado. E de cada vez que a andes, has atopar cousas novas e outras has botar de menos. Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e dende logo, moito meirande de como ti a ves. ¿Non din os filósofos que o home é o “microcosmos”, o compendio, o resumo do universo todo? Para canto máis unha terra con todos os homes que nela viven, un pobo que, se cadra, é unha sorte de Adam Kadmon... Do grandor do teu espírito depende todo; canto máis pequeno sexa, máis terra precisará. Se o teu pensar é fondo, a túa terra, para ti, non terá cabo; nela estará o mundo con todos os seus climas. Se o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena, es ti, que endexamais poderás concibir nada grande.”


Poema futurista "U...ju...ju..."

Terra
Duas áas diagonaladas d’ azur baten no mar
Sóbor do Atlántico a diástole imensa da raza
Vapor en todol-os motores do mundo
Añudadol-os nosos nervos á todol-os fíos eléctricos
Terra
A Cruña fita as brétemas d’ Irlanda
Vigo os raña-ceos de Nova York
GALICIA FOR EVER
CRUÑA
Puntos de tensión maxima da vida
VIGO
Terra.
Nudo de todol-os fíos
Enfiando todal-as vilas do mundo
Todal-as sirenas a un tempo a sonar
Trés pintados de sol furando a terra
No cabo de todol-os paralelos
Terra
As flechas das arelas solagadas da Atlántida
Nas nosas espadañas
Onde repican ó bautizo dos séculos novos
Antenas pra radiografial-os nosos himnos ás estrelas
Terra
Folgos de millós de peitos
Mañan
Brinco de todal-as vontades
Estralar de todol-os miolos
Terra
N. S. E. W.
Terra
Chuvia d’ estrelas
Alborada
Lóstrego
Rayos X
Profecía
Terra
O ceo rachou d’ arriba abaixo
Terra
HIP HIP HIP
HURRA

jueves, 19 de mayo de 2011

UXÍO NOVONEYRA

Sempre que podemos, á hora de falar dun poeta, eliximos facelo a través da voz dos nosos rapaces. É este o caso, que ademais nos permitirá lembrar a algúns nenos que deixaron o ano pasado o colexio e que realizaron este estupendo traballo sobre a vida e obra de Uxío Novoneyra. Dende a nosa escola pretendemos co contacto coa nosa poesía non se restrinxa só ao día 17 de maio e que para on nosos rapaces Uxío Novoneyra como Lois Pereiro non sexan só flores dun ano.




Poema "No bicarelo do bico do brelo"

miércoles, 18 de mayo de 2011

17 DE MAIO, SEMPRE

Rosalía de Castro, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Curros Enríquez, Uxío Novoneyra, María Mariño, Frei Martín Sarmiento, Manuel Murguía, Martín Códax, Ánxel Fole, Rafael Dieste, Fermín Bouza-Brey, Álvaro Cunqueiro, Manuel Antonio, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Noriega Varela, Pondal..........
LOIS PEREIRO.


RICARDO CARVALHO CALERO

Ricardo Carvalho Calero naceu o ano 1910 en Ferrol, onde comezou a publicar os seus primeiros versos. Tras cursar por libre o Bacharelato, transladouse a Compostela para estudar Dereito e Filosofía e Letras e cumprir co servicio militar. Aquí entrou en contacto co galeguismo e cos movementos culturais da altura, nomeadamente co Seminario de Estudos Galegos. Até 1932, en que gañou unha praza de funcionario municipal na vila natal, Carvalho Calero enviou numerosas colaboracións ás máis destacadas revistas literarias (A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios, Papel de Color) e principiou a publicación dos seus libros poéticos, primeiro en español e despois en galego.
O golpe militar sorprendeuno en Madrid e Carvalho posicionouse no bando constitucional, entrando en combate como miliciano. Unha vez terminado o conflito, foi condenado por separatista e recluído no cárcere de Xaén. En 1941 o escritor regresou á súa cidade con liberdade condicional. Imposibilitado para exercer a función pública, refuxiouse no ensino privado (entre 1950 e 1965 no Colexio Fingoi de Lugo), restablecendo os contactos cos galeguistas que ficaran no país. Paralelamente ao seu labor docente, desenvolveu nestes anos un importantísimo traballo investigador —iniciado coa súa tese de doutoramento, "Aportaciones a la literatura gallega contemporánea"— que tivo como fruto máis valioso a publicación en 1963 da Historia da literatura galega contemporánea. Dous anos máis tarde gañou un posto de agregado no Liceo Rosalía de Castro, de Santiago. Por fin, en 1972 foi nomeado titular da cátedra de Lingüística e Literatura Galega. Recollendo a herdanza dos autores do Primeiro Renacemento e os traballos do profesor Rodrigues Lapa, Carvalho Calero, preocupado pola coherencia histórico-lingüística do galego a pesar da férrea oposición que encontrou no camiño, mostrouse defensor das teses etimoloxistas que terán continuidade no movimento reintegracionista, feito que lle custaría ser marxinado nos últimos anos da súa vida. Así mesmo, desenvolvería un amplo labor como editor dos clásicos.
Ademais da súa extensísima obra ensaística, cultivou a poesía (Vieiros, 1931; Poemas pendurados dun cabelo, 1952; Pretérito Imperfeito, 1980; Cantigas de amigo e outros poemas, 1986; Reticências, 1990...), o teatro (Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro, 1971; Teatro Completo, 1982) e a narrativa (Xente da Barreira, 1950; Scórpio, 1987).
Membro da Real Academia Galega desde 1958, faleceu en Compostela no ano 1990.

Poema "María Silenzo"



Poema "Pido tal vez o que nom podes dar-me"

martes, 17 de mayo de 2011

LOIS PEREIRO

Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos (Lugo) en 1958. Con dezasete anos marcha a Madrid para cursar estudios en Políticas que abandona para introducirse na informática e nos idiomas. En Madrid inicia a súa traxectoria literaria na revista experimental Loia xunto cun grupo de universitarios galegos como Antón Patiño, Menchu Lamas, Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Fermín Bouza e Vicente Araguas, e da que sólo se coñecen cuatro números (el último es de 1978). En esta publicación aparecieron algúns dos poemas do escritor monfortino que posteriormente se incluirán no seu libro "Poemas para unha loia" (1996), no que tamén se inclue o ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a rida hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia” que fora dado a coñecer a través das páxinas da revista Luzes de Galiza.
Xa de volta en Galicia, Pereiro forma parte do Grupo de Amor e Desamor que editóu dous libros con ese mesmo título. Pereiro figura, pois, nas antoloxías colectivas "De amor e desamor" (1984) e "De amor e desamor II" (1985) nas que tamén aparecen Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de tendencias moi diversas pero que compartían inquietudes culturais. Á iniciativa deste mesmo grupo débese tamén o mantemento da revista Luzes de Galicia onde, ademáis do mencionado ensaio, viron a luz os oito primeiros capítulos da súa novela inconclusa "Náufragos do paradiso".
Pereiro también foi incluido en 1987 na antoloxía "Después de la modernidad", na que aparecían Luis Alberto de Cuenca, Bernardo Atxaga, Felipe Benítez o Pedro Casariego. En Galicia, Lois Pereiro compaxina profesionalmente o exercicio da tradución coa labor poética, e contribuiu coas súas aportacións a desenrolar varias antoloxías colectivas.
Aínda que publicóu poemas e artigos en varias revistas culturais, non foi ata 1991 que aparece a primeira das súas dúas únicas obras publicadas en vida: "Poemas 1981/1991" (1992). Tres anos máis tarde edítase "Poesía última de amor e enfermidade" (1995). Os dous poemarios son duras e núas obras nas que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e a certos trazos da contracultura.
Lois Pereiro morre en A Coruña en 1996. Aparecen póstumos: "Poemas para unha loia" (1997), recopilación da súa primeira poesía que inclue o ensaio "Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia" e a novela inconclusa "Náufragos do paradiso", publicada en Luzes de Galiza.
Pero Lois Pereiro tamén lle puxera letras ás melodías do grupo punk Radio Océano, que o seu irmán lideraba. Porque o esforzo de Lois estivo canalizado cara á contracultura, na que militaba con vehemencia. E así, as súas verbas tamén se debuxan en fancines ou en escollidos guións.
E neste ano adícanselle as Letras Galegas 2011.

"Conversa Ultramarina"



Recital poético de Lois Pereira (Documento sonoro fundamental!!)

ASÍ VEMOS A LOIS PEREIRO

Esta é a visión dos nenos do 5 anos da figura de Lois Pereiro.


lois pereiro - diapositivas

lunes, 16 de mayo de 2011

MANUEL MARÍA

Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929. En 1942 trasladouse a Lugo para estudiar o bacharelato e aquí comezou a súa precoz carreira literaria participando, á idade de 20 anos. Nesta primeira etapa da súa vida, publica o primeiro poemario dun poeta da nova xeración, Muiñeiro de brétemas (1950), co que se inaugura a denominada "Escola da Tebra".
En 1958 instálase en Monforte como Procurador dos Tribunais e ao ano seguinte casa con Saleta Goi. Nos axitados anos sesenta e setenta, Manuel María participa na reorganización política, na clandestinidade, dos partidos nacionalistas, e atende os chamamentos e peticións que lle chegan de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país, andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar á Nova Canción Galega. A súa obra literaria diversifícase e multiplícase de acordo cos novos tempos: ensaio, narrativa, teatro... sen abandonar o cultivo da poesía. Do existencialismo e o seu pesimismo radical evolúe cara á unha poesía que rompe, tanto no formal como na temática, con esta liña subxectiva para se comprometer co ser humano, coa súa xente, coa súa realidade social, en definitiva, co seu pobo.
A súas actividades políticas culminaron coa súa elección como concelleiro en 1979. Son anos duros, e a súa participación nas campañas en defensa da lingua foi moi activa. En 1985 abandonou a militancia política para se dedicar por completo á actividade literaria e cultural e, desde a súa xubilación, reside na cidade da Coruña. A súa xenerosa entrega foi recoñecida en 1995, na Homenaxe organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega na Coruña.
Non é doado resumir en poucas liñas a obra deste insigne poeta, referencia imprescindíbel no panorama literario da segunda metade do século XX, pola amplitude dos seus rexistros, das súas propostas e da súa temática: intimismo, paisaxismo, socialrealismo crítico ou satírico, preocupación relixiosa, reivindicación lingüística... e, como fío conductor de todo este mundo poético, a construción da patria.
Manuel María faleceu na Coruña o 8 de Setembro de 2004.

Poema "As Campás"


Poema "Bando do Alcalde"



Poema "O Carro"

domingo, 15 de mayo de 2011

ÁLVARO CUNQUEIRO

Normalmente durante este mes de maio estamos adicando cada día do mes a un grande da nosa literatura. Normalmente o esquema que seguimos é o de facer un pequeno percorrido pola sua traxectoria vital e artística e despois lembrar unha parte da súa obra, sempre que podemos de forma multimedia.
Por moitas circunstancias Cunqueiro é un dos nosos escritores favoritos e como vai pouco que traballamos coa súa poesía trovadoresca, imos romper o noso esquema habitual e lembrar ese traballo; imos tamén amosarlle aos nosos autores como outro artista, Amancio Prada, recreou musicalmente algúns dos poemas cos que eles traballaron.


Poema "A dama e o Cabaleiro"


Poema "Amor de auga lixeira"

sábado, 14 de mayo de 2011

OS TROVADORES MEDIEVAIS

A lírica galaico-portuguesa medieval tivo a súa máxima importancia na Península dende finais do séculoo XII ata mediados do XIV. Hacia o 1400 o galaicoportugués foi, para algúns autores, perdendo a súa unidade froito da división do seu territorio lingüístico entre dous estados distintos (o reino de Portugal e o reino de Galicia-Castilla-León).
Da lírica galaico-portuguesa consérvanse 2100 poemas, escritos durante este período, pertencentes ás cortes de Portugal (durante aqueles séculos, intimamente vencellada ás españolas), León, Castilla e Aragón, escritos en lingua romance galaico-portuguesa, que era a que mellor se adaptaba á poesía lírica trovadoresca, xa que o romance castelán atopábase en pañais. Desas 2100 canciones, catrocentas pertencen ao corpus das Cantigas de Santa María ou de Alfonso X o Sabio, o resto son de temática profana, e repartense entre dous grandes xéneros temáticos: o amatorio e o satírico.
No primeiro grupo atópanse as Cantigas de amor e as Cantigas de amigo; e no segundo as de escarnio e de maldizer.
A nosa lírica tivo especial relevancia cultural e disto da boa proba a literatura que produxo. As tres recopilacións líricas medievais galaicoportuguesas son:

Cancioneiro de Axuda
Cancioneiro da Biblioteca Vaticana
Cancioneiro Colocci-Brancuti

O rei Afonso X o Sabio, de Castela, compuxo as súss Cantigas de Santa Maria e varias cantigas de Escarnio e Maldizer en galaico-portugués.O rei portugués Dinís, neto de Afonso o Sabio tamén escribiu as súas Cantigas e declaróu a lingua galaico-portuguesa como idioma oficial da administración do reino en 1290 (ata entón o latín era o idioma oficial).
Algúns poetas destacados foron: Bernardo de Bonaval, Meendinho, Arias Nunes, Pedro da Ponte, Pero Amigo e Martín Codax.

Poema "Sediame eu na ermida de S. Simón"

viernes, 13 de mayo de 2011

RAMÓN CABANILLAS

Ramón Cabanillas Enríquez naceu en Cambados no ano 1876. Incansábel lector, foi un autor decididamente monolingüe, de grande proxección pública, que xogou un papel determinante na superación dos moldes do Primeiro Renacemento malia comezar a publicar a idade avanzada. Con trinta e catro anos emigrou a Cuba, onde residiu entre 1910 e 1915. Na Habana publicou No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).
O compromiso co proxecto das Irmandades da Fala levouno a colaborar asiduamente en A Nosa Terra, converténdose na voz lírica do movemento. Inicialmente próximo a posturas tradicionalistas, axiña partillou as teses de Vicente Risco, cuxo proxecto estético e cultural influiría decididamente na súa produción posterior. Foi aclamado como Poeta da Raza e utilizou os seus poemas ao servicio da construción nacional, abandonando os ecos intimistas presentes na súa primeira poesía. Así, en Da terra asoballada (1926) e nas novas edicións dos poemarios publicados na Habana, Cabanillas mantivo unha actitude educadora. Pretendeu conscienciar o pobo e achegalo ao nacionalismo. Con estes mesmos obxectivos redixiu, a instancias de Antón Vilar Ponte, a peza dramática A man de Santiña (1921). En colaboración con el comporía en 1926 a traxedia histórica O mariscal.
Tamén en 1921 viu a luz o poemario Na noite estrelecida, onde reelabora mitos do ciclo artúrico. Porén, recuperou o lirismo intimista en 1927 no poemario amoroso A rosa de cen follas.
En 1920 foi elixido membro da Real Academia Galega, onde leu un discurso titulado "A saudade nos poetas galegos". En 1929 faría o propio na Real Academia Española cun ensaio sobre Eduardo Pondal. Instalado en Madrid desde a súa incorporación a esta institución, o poeta atravesou un longo período de silencio que rompería a finais da década dos 40 con Camiños no tempo. Comeza entón unha nova etapa en que viron a luz Antífona da Cantiga (1951), Da miña zanfona (1954), Versos de alleas terras e tempos idos (1954) e Samos (1958), o seu último libro publicado en vida. Faleceu en Cambados en 1959.
Cabanillas conduciu a nosa poesía cara á modernidade e a súa obra foi considerada desde os primeiros momentos dentro do canon da literatura galega.

Poema "Probiña da Tola!"

jueves, 12 de mayo de 2011

CELSO EMILIO FERREIRO

Celso Emilio Ferreiro naceu en Celanova no ano 1912. Desde moi novo estivo relacionado co movemento nacionalista e a comezos dos anos 30 afiliouse ás Mocidades Galeguistas para iniciar unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país.
Cando estalou a guerra Celso Emilio foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Estivo condenado a morte e, nas catro noites que pasou na cadea até a familia conseguir o indulto, escribiu o poema "Longa noite de pedra", núcleo central do libro do mesmo título.
Finalizado o conflito, cursou Maxisterio en Compostela. En 1948 casou con Moraima e a parella instalouse en Pontevedra, nesta cidade fundou a colección Benito Soto.
Establecido en Vigo desde 1949 como procurador, escribiu unha biografía de Curros Enríquez, consciente de que a recuperación da figura do poeta podía xogar un papel importante no despertar da consciencia colectiva do país nun momento tan delicado. En Vigo publicou O soño sulagado (1954), colaborou en varias revistas e dirixiu, para Galaxia, a colección de poesía "Salnés", onde saíu, en 1962, Longa noite de pedra. O impacto desta obra foi enorme, esgotouse en poucos días e correu multicopiada de man de man, marcando un fito na historia da nosa literatura.
En 1966, respondendo a un convite da emigración, marchou a Caracas, onde axiña se enfrontou coa directiva da Irmandade Galega e o sector máis reaccionario da colectividade galega, contra o que redixiu Viaxe ao país dos Ananos (1968), polémico poemario co que inicia un rexistro satírico que continuará en Cantigas de escarnio e maldicir (1968), no romance de cego Paco Pixiñas (1970), en Os autentes (1973) e mais en Antipoemas (1972).
En 1973 instalouse en Madrid, onde desenvolveu unha intensa tarefa a prol da cultura e a literatura galegas, dedicándose por completo á actividade literaria e xornalística. Son desta época os poemarios Cimenterio privado (1973) e Onde o mundo se chama Celanova (1975). A morte sorpréndeo en Vigo no verán de 1979, nun momento en que Celso Emilio Ferreiro se convertera xa nun auténtico mito vivo para as novas xeracións.


Poema "María Soliña"

miércoles, 11 de mayo de 2011

CURROS ENRÍQUEZ, O BARDO DE CELANOVA

Manuel Curros Enríquez integra, con Rosalía e Pondal, a grande tríada dos clásicos do XIX. Naceu en Celanova, en 1851e en 1866 instalouse en Madrid onde se fixo bacharel e comezou a carreira de Dereito, ao tempo que se implicaba na vida política e colaboraba na prensa. A súa relación neste período coa lingua e a cultura galega era simplemente afectiva, de feito compuxo "A Virxe d'o Cristal", "O gueiteiro" e "Unha boda en Einibó" para as presentar a un concurso por petición da nai. O concurso fallouse en 1877, ano en que Curros se instalaba en Ourense como funcionario na Delegación de Facenda.
Nesta etapa ourensá, o noso poeta poderá aplicar á realidade galega a súa ideoloxía progresista, e este confronto aproximará Curros aos rexionalistas. Aquí compuxo o seu poemario Aires d'a miña terra, que saía do prelo en 1880 e alcanzou inmediatamente un enorme éxito, acrecentado pola denuncia do bispo de Ourense, que solicitaba que fose confiscado e que o incluía no índice de libros prohibidos. Curros foi xulgado e absolto. A obra sería reeditada en 1881 e en 1886 con novas contribucións poéticas.
En 1883, Curros volveu instalarse en Madrid onde traballa como xornalista, primeiro en El Porvenir e despois en El País, ao tempo que preparaba O divino sainete, que saiu do prelo en 1888. A crítica española recibiu este novo libro con eloxios, mais os amigos rexionalistas de Galiza cubriron a publicación cun veo de silencio. A pesar diso, Curros era un poeta recoñecido e foi coroado en Madrid, en 1893.
En 1894 Curros emigrou a Cuba e alí dirixiu La Tierra Gallega. A súa estancia cubana coincidiu co momento máis activo do movemento independentista, o que o levou a reflectir sobre o imperialismo; de feito, en Cuba espallou os ideais de rexeneración para Galiza e todas as iniciativas culturais: era xa máis rexionalista que republicano.
A clareza e enerxía con que defendía o seu ideario, a súa rebeldía, creáranlle problemas ao longo de toda a súa vida, e a situación volveu repetirse na emigración cubana: fora acollido con entusiasmo e acabou enfrontado con case todo. En 1904 volvía á Coruña, foi recibido de novo con mostras de entusiasmo, coroado por segunda vez, mais non se lle deron facilidades, nin en Madrid, nin en Galiza, para establecerse. No poema "N'a tumba de Rosalía", Curros deixaba o seu testamento ideolóxico. Regresou a Cuba, onde morreu en 1908.

Poema "Cantiga"
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...